O PSdeG acusa á Xunta de priorizar o privado tras devolver 22 millóns de euros para escolas infantís

ACoruñaXa
Silvia Longueira denuncia que o Goberno de Rueda rexeita fondos europeos porque só poden destinarse a crear prazas públicas
Silvia Longueira
10 Dec 2024

A portavoz socialista de asuntos sociais no Parlamento galego, Silvia Longueira, criticou hoxe na cidade da Coruña a decisión do Goberno de Rueda de devolver 22 millóns de euros procedentes de fondos europeos que estaban destinados á creación de prazas en escolas infantís públicas. Segundo Longueira, esta renuncia evidencia unha aposta do Partido Popular por favorecer ao sector privado en detrimento da rede pública de educación infantil.

Desde a escola As Mariñas, na zona de Orillamar, a deputada do PSdeG lamentou que, mentres decenas de familias non conseguiron praza para os seus fillos neste centro público, a Xunta devolvía ao Estado os fondos do Plan de Recuperación do Goberno central, procedentes da Unión Europea. “O argumento de que estes fondos non se axustan ao ‘modelo galego’ é só unha escusa: o que de verdade ocorre é que o PP non quere cartos para crear prazas públicas porque só lle interesa beneficiar ao sector privado”, afirmou.

Longueira lembrou que, das aproximadamente 32.000 prazas de educación infantil que existen en Galicia, 13.000 pertencen ao sector privado, unha cifra que supera as 12.000 prazas xestionadas pola Xunta, mentres que os concellos ofrecen 7.000. Ademais, denunciou que o Executivo galego paga unha media de case 310 euros por alumno ao mes ás escolas privadas, fronte aos pouco máis de 90 euros que aboa ás municipais. “O resto dos custos, que os cubran os concellos se poden”, sinalou.

A deputada socialista acusou ao Partido Popular de utilizar o discurso da gratuidade universal para fomentar o crecemento do sector privado e debilitar a rede pública. “O modelo do PP leva a un sistema no que só poderán acceder ás escolas infantís as familias que poidan permitírselo, mentres que as prazas públicas consolidan un dereito con medios para sostelo”, declarou.

Finalmente, reprochou á conselleira de Política Social que visitara a escola As Mariñas a principios de setembro, antes do inicio das clases, para evitar encontrarse coas familias cuxos fillos quedaron fóra desta escola pública. Segundo Longueira, esta actuación é unha mostra máis do desinterese da Xunta por reforzar a educación infantil pública en Galicia.

0.16419291496277