O proxecto ECOSPHEREWINES avanza en Galicia cun taller sobre a percepción da paisaxe en Betanzos
A Fundación Juana de Vega organizou este venres durante todo o día o taller 'Percepción da paisaxe na IXP Betanzos' no marco do proxecto europeo ECOSPHEREWINES, que lidera desde Galicia para mellorar o capital natural do viñedo e favorecer a súa conservación e xestión sostible no espazo Sudoe (como se denomina aos países de España, Portugal, Francia e Andorra).
Neste sentido, desde o marzo pasado, 13 entidades españolas, francesas e portuguesas traballan baixo a coordinación da Fundación nesta iniciativa que conta cun orzamento de 1.623.393,25 euros, cofinanciada nun 75% polo Programa Interreg Sudoe con Fondos FEDER. En Galicia, ademais da Fundación Juana de Vega, forman parte do consorcio a Universidade da Coruña, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e a adega Pagos de Brigante.
Do traballo de campo realizado este venres para “interpretar a paisaxe” da IXP Betanzos a través de múltiples miradas extraerase a información para identificar os servizos ecosistémicos da contorna na que se localiza o viñedo A Picha, propiedade da adega Pagos de Brigante, e no que, posteriormente, se desenvolverá un dos pilotos experimentais do proxecto ECOSPHEREWINES en Galicia. “A paisaxe existe a través da percepción do observador que a interpreta, que está influenciado pola súa cultura, formación ou experiencias persoais, por iso hoxe convocamos esta participación pública para ampliar o coñecemento colectivo sobre os valores da paisaxe na IXP Betanzos e as súas potencialidades”, detallaron desde a Fundación Juana de Vega na presentación da actividade.
O grupo de participantes estivo formado por unha vintena de voluntarios con perfís diversos, desde estudantes a técnicos, viticultores, turistas ou persoas interesadas na temática da paisaxe. Acompañados polo equipo técnico da Fundación Juana de Vega, realizaron un percorrido en autobús que os levou desde a sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (Abegondo) ata as vistas panorámicas do miradoiro de Pena Furada (Coirós) para despois gozar da paixase de ribeira en Betanzos navegando río arriba polo Mandeo para acabar cun pícnic ao aire libre no Campo dos Caneiros.
A xornada de tarde comezou coa visita ao viñedo A Picha en Paderne onde tamén se avanzou en que consistirán as actuacións nesta área experimental do proxecto ECOSPHEREWINES. De volta na sede da Reserva de Biosfera, o grupo fixo a posta en común da información recollida e dos valores e problemáticas observadas en base a uns cuestionarios que levaron consigo durante toda a visita.
Tras as conclusións, o taller finalizou cunha cata de tres viños que representan a calidade, diversidade e tipicidade da zona. Foron un branco, un tinto e un doce das variedades branco lexitimo, mencía e brancellao