O proxecto de SoaVila Rural chama a sumar apoios para crear un refuxio comunitario en Carral


Soavila Rural abriu unha chamada pública para sumar apoios ao seu proxecto comunitario en Carral. Baixo a mensaxe 'Construyamos el Refugio Juntos', a entidade busca aliados institucionais, investidores sociais e persoas voluntarias comprometidas coa recuperación do tecido rural e coa protección da infancia.
A iniciativa preséntase como un espazo pensado para coidar, acompañar e crear comunidade desde o contacto coa natureza. A asociación, situada en Soavila, no termo municipal de Carral, nace co propósito de recuperar a esencia da aldea como lugar de encontro, benestar e crecemento persoal, ademais de promover a crianza consciente e o acompañamento emocional a través da relación co medio natural e cos animais.
O proxecto tamén se define como unha proposta social dirixida a fomentar relacións sas, apoiar persoas vulnerables ou en risco de exclusión e ofrecer un espazo para conectar coa natureza, coñecerse e crecer. Entre os seus obxectivos figuran a protección da infancia, o desenvolvemento comunitario e a promoción de hábitos sostibles ligados á vida rural.
Soavila Rural traballa nunha parcela rústica duns 15.000 metros cadrados, onde está a acondicionar espazos para actividades vinculadas ao rural, ao lecer saudable, ao benestar e á educación ambiental. O proxecto conta xa con animais e prevé reservar unha zona para horta e invernadoiro, co obxectivo de ampliar as posibilidades formativas e comunitarias do espazo.
A entidade anima ás persoas interesadas a contactar para coñecer as distintas formas de colaboración. A chamada vai dirixida tanto a quen poida achegar apoio económico ou institucional como a persoas dispostas a participar como voluntarias na construción dunha rede local de coidados.
A mensaxe coa que Soavila Rural acompaña esta nova campaña resume o espírito do proxecto: 'vivimos grazas a que as abellas se pousan sobre as flores'. Unha metáfora coa que a iniciativa reivindica a importancia da cooperación, da natureza e dos pequenos xestos para construír espazos seguros e comunitarios no rural.