O proxecto CICAGallery da UDC presenta unha colaboración entre arte e ciencia
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, reuniu este xoves a cinco artistas nunha Xornada de Benvida, que marca o comezo da primeira edición de CICAGallery. Este programa lles ofrece a oportunidade de realizar unha residencia artística nas instalacións do centro nos próximos meses de febreiro e marzo. Durante esta experiencia, os artistas colaborarán activamente con diversos grupos de investigación.
Como resultado desta convivencia, o CICA elaborará unha colección de obras feitas polos artistas, a cal se expoñerá en diferentes lugares da xeografía galega, convertendo un espazo de investigación nun espazo público e de cultura accesible a todo o mundo.
A alineación de artistas está formada por catro artistas júnior e unha sénior, que ocuparán a partir de agora un espazo reservado para CICAGallery dentro do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC. Todos eles teñen formacións similares e, á vez, dedicacións completamente diferentes:
- Verónica Moar, artista sénior, achegará ao proxecto a súa visión como ceramista dentro do grupo UDCSólidos.
- Breogán Torres (Xague), escultor e instalador, inspirarase nas investigacións do grupo de Bioloxía Costeira (Biocost) para desenvolver a súa obra, moi unida á costa e á cultura galegas.
- A deseñadora téxtil Inés Rodríguez (Rir&Co) poderá experimentar xunto ao grupo Nanoself as posibilidades de novos tecidos.
- María Cillas, artista multidisciplinar, explorará infinitas opcións xunto ao grupo de regulación xenómica Exprela.
- Irene Sáenz que aplicará os seus coñecementos en fotografía analóxica e vídeo xunto ao Grupo de Investigación en Xestión Sostible dos Recursos Hídricos e do Chan Aquaterra.
Un proxecto destinado a unir arte e ciencia
CICAGallery busca a colaboración entre arte e ciencia, partindo da necesidade de facer entender que ambas as disciplinas poden complementarse e apoiarse a unha na outra. Para iso, os participantes desta primeira edición recibiron nesta xornada de benvida unha formación sobre a disciplina máis allea ao seu traballo diario.
Juan Manuel Bermúdez García, investigador Ramón y Cajal do grupo UDCSólidos, foi o encargado de achegar aos artistas as peculiaridades do día a día nun centro de investigación como o CICA. A revisión por pares, a publicación de artigos ou papers e o sistema de patentes e propiedade intelectual son só algúns exemplos do complicado sistema actual de produción científica. Do mesmo xeito que os investigadores teñen un diario de laboratorio onde plasmar as observacións e prácticas experimentais do día a día, os artistas de CICAGallery terán que actualizar un caderno expoñendo as ideas e probas que realicen en colaboración co seu grupo de investigación.
Pola súa banda, Deborah García Bello, doutora en química e divulgadora científica, ofreceu aos investigadores do CICA un marco conceptual a través do cal entender a diferenza entre arte e deseño. García Bello falou sobre o xerme do proxecto, baseado no Laboratorio de formas creado por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo na década dos anos 60, sobre o que se sustentan os valores de CICAGallery, interdisciplinariedade e identidade:
Unha vez finalicen as residencias artísticas, CICAGallery expoñerá a súa primeira colección a través de exposicións en diferentes espazos de arte, sendo a Fundación DIDAC o primeiro lugar onde se poderá gozar por primeira vez do resultado dun proxecto tan singular. A comisaria da exposición será a propia García Bello, cuxa tese doutoral, recentemente lida, trataba sobre o estudo da relación entre a ciencia e a arte contemporáneo e o seu uso na divulgación científica.