O programa Coruña Digital Pymes formará ás empresas da cidade en transformación dixital

ACoruñaXa
A alcaldesa persentou a actividade formativa acompañada por Venancio Salcines, presidente do consello reitor de Cesuga e impulsor dos cursos, que comezarán en setembro e serán gratuítos
Imaxe da presentación do programa Coruña Digital Pymes
20 Maio 2024

Este luns presentouse na Coruña o o programa Coruña Digital Pymes, unha iniciativa que permitirá ás pequenas e medianas empresas da cidade recibir formación gratuíta en transformación dixital a partir do mes de setembro. O acto de presentación foi presidido pola alcaldesa, Inés Rey, quen estivo acompañada por Venancio Salcines, presidente do consello reitor de CESUGA e presidente de EF Business School. Ata María Pita achegáronse representantes das asociacións empresariais da cidade e outros colectivos relacionados co sector privado.

"A dixitalización é un proceso imparable e necesario, pero conseguir unha transformación completa non é un proceso sinxelo e menos contando con recursos limitados como os que acostuma a ter unha peme", indicou a alcaldesa. Coruña Digital Pymes enmárcase no plan Generación Digital Pymes impulsado polo Ministerio para la Transformación Digital e está financiado con fondos europeos Next Generation. Na cidade, o Concello e CESUGA xestionarán o seu desenvolvemento.

Neste sentido, o programa ofrece unha mestura de coñecemento e liderazgo dixital que proporcionan as ferramentas dixitais adecuadas para lograr un mellor posicionamento do tecido empresarial no novo mercado. A formación, valorada en 14.000 euros, será gratuíta e está deseñada para equipos de dirección de pemes de entre 10 e 249 traballadores e traballadoras.

O curso será impartido, a partir do mes de setembro, por un equipo de profesionais expertos en activo no ámbito da transformación dixital. Consta de 146 horas docentes de metodoloxía práctica e persoalizada, impartidas en formato mixto presencial e online, con mentorías e sesións específicas con casos prácticos de éxito. "A Coruña é o principal motor económico de Galicia e queremos que as súas pemes crezan estando ao día nos procesos de dixitalización", indicou Inés Rey.

As empresas coruñesas interesadas en participar neste programa poderán formalizar a súa participación no proceso selectivo a través da seguinte páxina web: http://corunadigitalpymes.com

0.18827080726624