O programa 'Bergondo en Feminino' estrea novo espazo web
O Concello de Bergondo vén de lanzar un novo espazo web para o programa Bergondo en Feminino, unha iniciativa que desde 2019 traballa na prevención e sensibilización fronte ás violencias machistas.
Este apartado, dispoñible en no seguinte enlace, reúne unha ampla variedade de recursos, como as videoguías das quince mulleres homenaxeadas, mapas interactivos, os pasquíns dos roteiros ou a publicación Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia. Ademais, inclúe unha liña do tempo para coñecer todas as accións desenvolvidas nos últimos cinco anos.
O obxectivo deste espazo é facilitar o acceso da cidadanía e das entidades sociais, culturais e educativas a estes materiais, promovendo a reflexión sobre temas como a invisibilización das mulleres na historia, as achegas femininas á sociedade ou a necesidade de loitar contra os estereotipos de xénero.
Este proxecto foi recoñecido en 2023 co premio da Federación Española de Municipios y Provincias na categoría “Ruptura del silencio”, consolidándose como un referente na loita pola igualdade.