O PPdeG pide restaurar as infraestruturas deterioradas do litoral de Oleiros

ACoruñaXa
Os deputados Nazareth Cendán e Jesús Fernández reclaman unha avaliación técnica completa dos paseos, varandas, pasarelas, escaleiras e miradoiros da costa urbanizada
OLEIROS litoral
28 May 2026

O PPdeG vén de reclamar no Parlamento de Galicia un proxecto integral para reparar e restaurar as infraestruturas deterioradas do litoral de Oleiros. A iniciativa pon o foco no estado de paseos marítimos, varandas, escaleiras, pasarelas e miradoiros, así como na necesidade de revisar de maneira completa o estado da costa urbanizada do municipio.

Os deputados populares Nazareth Cendán e Jesús Fernández advirten de que nas últimas datas se produciron derrubes e desprendementos en distintos puntos do litoral, o que, segundo sinalan, evidencia unha falta de conservación continuada. Entre as zonas nas que urxen actuacións citan o parque Trece Rosas, a baixada ao paseo de Santa Cruz, as escaleiras de acceso á praia de Canide, a varanda da zona de Punta de Boi de Canto, a pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz, a baixada á praia de Bastiagueiro, a praia de Naval e a contorna do Xunqueiro.

A formación considera que esta situación non só afecta á imaxe do municipio, senón que supón tamén un problema de seguridade para as persoas que transitan a diario por estes espazos. Por iso, reclama que se proceda á sinalización das zonas afectadas e, nos casos nos que exista risco para a integridade das persoas, ao peche ou restrición temporal dos accesos.

O PPdeG atribúe o deterioro tanto á acción do mar e aos episodios de climatoloxía adversa como á falta de mantemento preventivo e correctivo. A formación apunta ao Concello de Oleiros e á Demarcación de Costas, dependente da Administración central, como as dúas administracións con competencias na conservación e reparación destas infraestruturas.

Segundo os populares, a falta de coordinación entre ambas administracións estaría a provocar unha parálise na resposta aos danos existentes. Por este motivo, reclaman que se definan con claridade as responsabilidades de cada parte e que se estableza un protocolo estable de mantemento periódico para evitar que os problemas se repitan ou se agraven.

Nazareth Cendán defende que ese protocolo debería incluír as competencias de cada administración, as obrigas de conservación ordinaria e extraordinaria, os mecanismos de coordinación interadministrativa e unha dotación económica suficiente para afrontar tanto as reparacións inmediatas como o mantemento futuro.

A iniciativa tamén reclama unha avaliación técnica completa do litoral urbanizado de Oleiros, co obxectivo de detectar zonas de risco, previr novos derrubes e anticipar actuacións antes de que se produzan novos danos. O PPdeG considera que a actuación debe ser inmediata para garantir a seguridade, recuperar as infraestruturas afectadas e establecer un marco claro de responsabilidades.

0.12760591506958