O PP urxe ao Goberno da Coruña acelerar os proxectos de vivenda ante os atrasos acumulados

ACoruñaXa
Os populares denuncian o risco de perder 6 millóns de euros en fondos europeos e os prolongados retrasos nas obras municipais
Imaxe de Miguel Lorenzo este evnres 4 de outubro
16 Out 2024

O Grupo Popular esixe á alcaldesa Inés Rey que axilice os proxectos municipais de vivenda, sinalando os importantes atrasos que se acumulan por problemas de xestión. Entre as preocupacións máis urxentes están a demora na finalización de obras, a falta de axudas para a rehabilitación e o risco de perder case 6 millóns de euros en fondos europeos, destinados a mellorar vivendas en catro barrios da cidade.

A terceira prórroga aprobada hoxe para a obra de vivendas en Marqués de Pontejos suma cinco meses máis aos 10 iniciais e ás prórrogas anteriores de 4 e 9 meses, alcanzando un total de 28 meses de prazo, o triplo do previsto. Ademais, a adxudicación das obras no edificio de Xuxán chega con dous anos de atraso, a pesar de que en febreiro de 2022 se anunciara a licitación "inmediata".

O portavoz popular, Miguel Lorenzo, destacou que A Coruña sofre un grave problema de acceso á vivenda, especialmente para a mocidade, sinalando que 16.000 mozos tiveron que marchar da cidade nos últimos cinco anos por falta de vivenda accesible, mentres máis de 20.000 permanecen baleiras. "É imprescindible que todas as administracións colaboren para que estas vivendas se poñan no mercado, incentivando aos propietarios", engadiu.

Outro aspecto crítico é o atraso na tramitación das axudas de rehabilitación para os barrios do Ventorrillo-Casas de Franco, o Barrio das Flores, Labañou-Grupo María Pita e a Cidade Vella, acordadas en marzo de 2023. "Case ano e medio despois, aínda non se abriu a convocatoria, poñendo en perigo a subvención", afirmou Lorenzo. Os populares xa advertiron no Pleno de setembro sobre a situación, mais aínda non se concedeu ningunha axuda.

0.20439219474792