O PP solicita a reunión da Xunta de Goberno do Consorcio de Promoción da Música

ACoruñaXa
Os populares denuncian que o Goberno local leva "un ano e tres meses sen convocar o Consorcio, cando ademais a propia alcaldesa foi concelleira de Cultura no anterior mandato". Algo que califican de inadmisible cando hai asuntos pendentes como a aprobación do orzamento de 2024
Imaxe de arquivo dunha reunión pasada da Xunta de Goberno do Consorcio de Promoción da Música
1 Mar 2024

Os populares da Coruña reclaman á alcaldesa, Inés Rey, que convoque a Xunta de Goberno do Consorcio de Promoción da Música, o máis axiña posible xa que non se reuniu no actual mandato e denuncian que non o fai desde o 15 de decembro de 2022.

"Un ano e tres meses sen convocar o Consorcio, cando ademais a propia alcaldesa foi concelleira de Cultura no anterior mandato, é inadmisible cando hai asuntos pendentes como a aprobación do orzamento de 2024, da Conta Xeral de 2022, do convenio colectivo 2022-2024, do informe das facturas irregulares, do Plan de Igualdade 2023-2027 ou mesmo a toma de posesión dos seus novos membros, entre eles os representantes da oposición ou a propia Alcaldesa e o concelleiro delegado de Cultura", sinalan dende o Partido Popular.

Ademais, apuntan que a esta despreocupación do Goberno socialista polo Consorcio únese as condicións lamentables en que se atopa o Palacio da Ópera, con pingueiras no escenario, nas bancadas ou nas oficinas, a pesar de acoller a unha das orquestras máis importantes de España e un dos símbolos da cidade como é a Orquestra Sinfónica.

"A política cultural do goberno municipal non existe", denuncian os populares. Ao que sinalan que a cidade foi un referente cultural durante moitos anos, pero xa non o é e hai que recuperalo. "Non hai un proxecto cultural máis aló de concertos, como se comprobou coa pasividade ante os murais de Lugrís; cando deixou que levasen o cadro “O Pombal”, do pai de Picasso, ao Museo de Barcelona por 150.000 euros; cando deixou marchar o Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa sen facer nada ou cando o legado de Luis Seoane non se expón desde hai anos e está no chan como se viu en fotos feitas por Patróns da Fundación que leva o seu nome", conclúen.

0.18904709815979