O PP sinala que o Concello de Oleiros esquece que o crecemento urbanístico e a mobilidade deben ir da man

ACoruñaXa
Sinalan que ante a pasividade municipal, a Xunta de Galicia encárgase de solucionar os crecientes problemas de mobilidade en Oleiros derivados dun crecemento urbanístico desmedido
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
3 Xul 2024

O Partido Popular de Oleiros sinala que primeiro, o alcalde négase a cumprir o pactado e a pagar á concesionaria 50.000 euros, o que implica a perda do servizo da liña 1A da Coruña. Despois, decide eliminar a liña municipal que conecta Lorbé co Burgo. Sempre bota a culpa aos demais: a concesionaria, a baixa afluencia de viaxeiros, as malas conexións…

A lista de problemas continúa cos atrasos nas obras de Santa Cristina, prexudicando usuarios, veciños e comerciantes, que ven dificultado o acceso aos seus negocios e vivendas no momento máis inoportuno e rendible para eles. O Concello ignora as demandas dos veciños, que seguen sen dispoñer dun sistema para residentes que lles permita non ter que pagar por aparcar nalgunhas zonas de Santa Cristina.

Desde o Partido Popular de Oleiros destacan que a dispersión da poboación no Concello -boa parte en urbanizacións- require un desenvolvemento paralelo do urbanismo e da mobilidade. Todo isto desde unha perspectiva de previsión e ordenación. Non ten sentido outorgar a licenza de construción ao edificio de Copigal -como fixo o alcalde- e agora culpar dos problemas de mobilidade á ponte da Pasaxe, que é insuficiente para absorber a demanda diaria de tráfico rodado.

Loli Silva, portavoz municipal do Partido Popular, declarou: “É imprescindible que o concello tome conciencia de que o crecemento poboacional de Oleiros -que se achega aos 40.000 habitantes- e a afluencia de visitantes de concellos veciños, sobre todo en época estival, vaian acompañados de medidas que garantan unha mobilidade racional, para que os nosos veciños non se vexan condenados a vivir nun atasco permanente e que teñan que asumir esas carencias como normais”.

E concluíu: “Afortunadamente, a Xunta de Galicia está a encargarse de poñer un pouco de sentidiño respecto aos problemas de mobilidade do concello, fronte ao abandono de funcións en materia urbanística do alcalde. Mostra diso son as recentes noticias do incremento de frecuencias ata Lorbé na liña A Coruña-Oleiros-Sada, con 130 servizos máis á semana. O propio Conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, anunciou a finais de abril a posta en marcha dun sistema que permite acceder aos buses aos usuarios da Tarxeta Xente Nova utilizando os seus dispositivos móbiles”.

0.12606501579285