O PP sinala na feira de Curtis de cara as eleccións europeas que: “O que se decide en Europa repercute en Galicia"
O Partido Popular de Galicia eríxese como defensor do rural galego e como “o único partido cos pés no territorio” de cara ás eleccións europeas, nas que propoñen para o sector agrogandeiro “máis axudas, menos burocracia e menos sectarismo ecolóxico”.
O candidato Adrián Vázquez asegurou hoxe que “só cunha delegación forte do Partido Popular en Europa será posible negociar máis fondos para a PAC, eliminar cargas burocráticas e impoñer cláusulas de reciprocidade que sitúen aos nosos agricultores e gandeiros en igualdade de condiciones cos seus competidores”.
Pola contra, lamentou que a esquerda estea impulsando na Eurocámara políticas que van en contra do sector primario galego. E máis concretamente referiuse á candidata socialista, definíndoa como “ministra de intransixencia ecolóxica” e alertando de que “deixar nas súas mans a defensa do rural galego sería como poñer ao lobo ao coidado das ovellas”.
Paula Prado: “O que se decide en Europa repercute en Galicia"
O candidato ás eleccións europeas visitou hoxe a feira tradicional de Curtis acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o alcalde Javier Caínzos. Xunto a eles tamén outros rexedores (Aranga, Irixoa, Vilarmaior, Boimorto, Vilasantar, Abegondo, Coirós, Oza-Cesuras, Friol, Outeiro de Rei, Ordes e Frades) e representantes do partido na comarca.
Unha demostración de forza que a número dous dos populares galegos quixo evidenciar para defender que o Partido Popular é o partido máis apegado á xente, aos seus problemas e ás súas necesidades: “Somos a resposta que os galegos merecen para os seus problemas tamén en Europa”.
Explicou así que os populares son os únicos que poden dar resposta no Parlamento Europeo ás políticas de despoboamento ou á negociación dunhas boas condicións para a PAC. Tamén, e de xeito especial, á defensa do equilibrio entre a actividade agrogandeira e a protección do lobo “fronte ao ecoloxismo dun BNG que prima a protección da especie a costa de danar o noso agro”.
Por todo isto, pediu aos galegos que sexan conscientes de que “as políticas que se deciden en Europa repercutan en Galicia” e volvan confiar no Partido Popular nunha campaña que esta medianoite os populares galegos iniciarán en Pontevedra.