O PP rexeita os orzamentos da Deputación da Coruña por unha execución do gasto inferior ao 40%
O grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña rexeitou os orzamentos presentados polo executivo de González Formoso para o ano 2025, denunciando a incapacidade do goberno para executar os fondos asignados e a ausencia de medidas para corrixir esta situación. Segundo o voceiro popular, Evaristo Ben, o documento supón “un trámite máis, sen maior novidade nin melloras que permitan incrementar a eficiencia do gasto”.
Ben incidiu na baixa execución orzamentaria como o principal motivo do voto en contra: “Con máis de 315 millóns de euros en contas bancarias e unha execución global que apenas supera o 40%, queda claro que este goberno non está a utilizar os recursos públicos de forma axeitada”, afirmou. Ademais, sinalou que determinadas partidas e capítulos presentan unha execución aínda inferior, o que converte os orzamentos en “papel mollado” que, segundo el, “a realidade desmonta ano tras ano”.
O popular tamén cargou contra a xestión política do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao que tachou de “presidente ausente” por non asistir ao último pleno extraordinario para defender uns orzamentos que, dixo Ben, “deberían contar cunha defensa directa e convincente por parte do seu autor”. Esta actitude, segundo o portavoz, é un reflexo da “falta de compromiso” do actual goberno provincial.
Desde o Partido Popular tamén se criticou a falta de diálogo co grupo maioritario á hora de confeccionar os orzamentos. Ben lamentou que o executivo provincial non solicitase achegas nin informase previamente sobre o documento, cualificando esta actitude de “desconsideración institucional”.
Por outra banda, o portavoz puxo sobre a mesa propostas para mellorar a eficiencia do gasto público, como a coordinación e prestación de servizos provinciais que optimicen os recursos dispoñibles. Segundo indicou, este tipo de medidas permitiría aproveitar mellor os 240 millóns consignados para 2025. Non obstante, lamentou que o goberno provincial non mostrase disposición para implementar cambios significativos que garantan unha mellor xestión.
“Un orzamento non é só un instrumento de planificación, senón tamén unha autorización para a xestión de fondos públicos. Non podemos autorizar esta xestión a quen xa demostrou non saber utilizar eses recursos ou gastalos sen criterio”, concluíu Ben.