O PP reclama melloras en Guiliade para atender as demandas das familias e da veciñanza

O Grupo Municipal do PP de Betanzos levará ao pleno do vindeiro martes unha moción na que reclama ao goberno local diferentes actuacións para atender as necesidades trasladadas pola veciñanza de Guiliade.
As peticións céntranse principalmente no mantemento e conservación de varios espazos e equipamentos públicos. Entre elas figura a limpeza periódica da parada de autobús, unha tarefa que, segundo os populares, estarían asumindo en ocasións os propios residentes.
A proposta tamén recolle a necesidade de reparar ou substituír varios elementos do parque infantil que presentan deficiencias, así como de incrementar a frecuencia dos traballos de desbroce na contorna.
Peden facilitar o uso do pavillón
Outra das cuestións que o PP leva á sesión plenaria está relacionada co uso do pavillón por parte dos menores e das familias de Guiliade e das parroquias próximas.
Segundo traslada a formación, a programación de actividades deportivas e o uso das instalacións por parte de clubs e entidades estaría dificultando que a cativada da zona poida utilizar o pavillón para practicar deporte ou xogar, especialmente durante os días de choiva.
Por este motivo, a moción reclama reorganizar os horarios para facer compatible a actividade dos clubs e entidades deportivas co uso das instalacións por parte dos menores e da veciñanza.
A iniciativa inclúe tamén a petición de substituír os sumidoiros que se atopan deteriorados e revisar os diferentes elementos das redes de saneamento e pluviais que presentan danos.
O PP defende que se trata de actuacións de mantemento que poden ter un impacto directo no día a día da veciñanza e, especialmente, no uso dos espazos públicos por parte dos nenos e nenas. A moción será debatida no pleno municipal do martes.