O PP reclama máis persoal e máis atención presencial na oficina do INSS de Betanzos

ACoruñaXa
A voceira municipal, Ceci Vázquez, levará ao próximo pleno unha moción para pedir un reforzo inmediato da plantilla e recuperar a atención sen depender só da cita previa
BETANZOS inss
22 Jan 2026

O PP de Betanzos denunciará no vindeiro pleno municipal a situación da oficina do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) no municipio, que, segundo sostén, presenta carencias na atención presencial e provoca prexuízos importantes para a veciñanza. A formación anuncia que a súa voceira, Ceci Vázquez, defenderá unha moción para esixir un reforzo inmediato do cadro de persoal e garantir que se poidan facer xestións de maneira presencial sen depender exclusivamente da cita previa.

Segundo expón Vázquez, o sistema actual está a xerar demoras á hora de tramitar calquera tipo de xestión e obriga a usuarios de Betanzos e doutros concellos da comarca a realizar desprazamentos longos e custosos para ser atendidos. A voceira popular asegura que, fronte a etapas nas que moitos trámites se podían resolver na propia oficina de Betanzos, agora hai persoas que teñen que acudir a centros do INSS en Melide (52 km), Ortigueira (87 km), Corcubión (116 km) ou A Pobra do Caramiñal (95 km). Engade que, ao tratarse en moitos casos de persoas maiores e colectivos vulnerables, o impacto desta situación resulta aínda maior.

Para o PP, non ten sentido que Betanzos, como cabeza de partido xudicial e referencia administrativa dunha comarca que abrangue 16 municipios, padeza a falta de atención dun servizo público esencial por unha dotación insuficiente de persoal. Vázquez subliña ademais que a Seguridade Social é un dos piares do Estado do benestar e que, para unha prestación axeitada, cómpre unha atención presencial suficiente, próxima e accesible con independencia do lugar de residencia.

A moción que se debaterá no pleno deste mes insta ao Goberno de España a reforzar de inmediato a plantilla da oficina do INSS en Betanzos, implantar a atención presencial sen cita previa e adoptar as medidas necesarias para garantir unha atención adecuada á cidadanía de Betanzos e da súa comarca.

⚙ Configurar cookies
0.078481912612915