O PP reclama ao Goberno local melloras urxentes na accesibilidade das praias da Coruña

ACoruñaXa
Os populares denuncian incumprimentos da moción aprobada por unanimidade en 2025 e deficiencias en Riazor para persoas con discapacidade
Rosalía-López-PP-A-Coruña
20 Jun 2026

O Grupo Popular esixe á alcaldesa Inés Rey que as principais praias da cidade sexan accesibles, ao considerar que o Goberno local non está a cumprir a moción aprobada por unanimidade no Pleno de xullo de 2025 sobre accesibilidade nos areais para que as persoas con discapacidade poidan desfrutalos en igualdade de condicións.

A concelleira popular Rosalía López, que ten unha discapacidade, xa denunciara estes problemas o ano pasado, tras o que se impulsou a iniciativa plenaria, aínda que asegura que non se adoptaron medidas para solucionalos. Segundo sinala, existe un incumprimento continuado da normativa sobre dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social.

No caso concreto da praia de Riazor, os populares apuntan a varias deficiencias, como unha pasarela que non chega ata a auga, baños e duchas non completamente adaptados, unha rampla sen chan antideslizante nin varanda ata o final, así como a ausencia de pérgolas, zonas de sombra e cadeiras anfibias para o baño, que no ano anterior estaban dispoñibles pero non funcionaban.

Rosalía López considera que se trata non só dun dereito básico e legal, senón tamén dun elemento de cohesión social, inclusión e mellora da imaxe turística da cidade. Nese sentido, subliña que é fundamental garantir que todas as persoas poidan desfrutar con dignidade do litoral coruñés, algo que na actualidade, afirma, non é posible.

A edil tamén advertiu de que estas eivas non se limitan ás praias, senón que afectan tamén ás rúas e beirarrúas, aos aparcamentos públicos, aos eventos con accesibilidade para persoas con discapacidade auditiva e a numerosos edificios que carecen de ascensor.

0.13445901870728