O PP propón conectar Culleredo desde os montes ata a ría do Burgo a través dunha rede de corredores verdes

O PP de Culleredo presentou a proposta 'Culleredo Verde', unha iniciativa coa que pretende conectar os montes, ríos, espazos naturais e núcleos urbanos do municipio coa ría do Burgo mediante unha rede progresiva de corredores verdes.
A portavoz e presidenta dos populares locais, Izaskun García, deu a coñecer o proxecto á responsable de Medio Ambiente do PP de Galicia, Ánxeles Vázquez, durante un percorrido polo Rego das Xesteiras. Na visita tamén participaron representantes de asociacións e persoas vinculadas ao territorio, aos que o PP quere incorporar ao desenvolvemento da iniciativa.
García defendeu que o proxecto non pretende deseñarse unicamente desde o Concello ou desde os despachos, senón contar co coñecemento das persoas que viven e traballan no municipio.
Recuperar camiños, ríos e espazos naturais
A proposta parte da recuperación e aproveitamento de camiños e sendas existentes, así como da recuperación de espazos degradados e da protección dos cursos fluviais.
Entre as primeiras posibilidades que manexa o PP figura a creación dunha conexión desde o entorno do Xalo ata a ría do Burgo e outro corredor seguindo o río Trabe. A iniciativa contempla tamén estudar unha posible conexión entre ambos os percorridos para avanzar cara a unha rede máis ampla.
A proposta pretende desenvolver estes corredores de maneira progresiva, aproveitando os recursos naturais xa existentes e evitando que as diferentes zonas permanezan illadas entre si.
'Cullleredo Verde' parte así dunha visión global do territorio, segundo explica a formación popular, coa intención de conectar os diferentes espazos naturais e facelos máis accesibles para a veciñanza.
O PP destaca as posibilidades de financiamento
Durante o percorrido polo Rego das Xesteiras, Ánxeles Vázquez puxo o foco no potencial natural de Culleredo e lembrou que existen diferentes liñas de axudas para recuperar e manter espazos naturais, acondicionar sendas e contribuír á dinamización do rural.
A responsable de Medio Ambiente do PP galego sinalou a importancia de que os concellos impulsen proxectos que permitan aproveitar estes recursos e desenvolver actuacións de recuperación e conexión dos espazos naturais.
Para Izaskun García, o obxectivo final é recuperar estes lugares, conectalos entre si e conseguir que formen parte de novo da vida cotiá da veciñanza.
A proposta queda así formulada como un proxecto a desenvolver progresivamente, que pretende unir o territorio de Culleredo desde os montes ata a ría do Burgo mediante camiños, sendas e corredores naturais.