O PP preguntará no Congreso polos retrasos na AESIA da Coruña
O Partido Popular, a través dos seus deputados por A Coruña, Tristana Moraleja e Álvaro Pérez, presentará no Congreso unha serie de preguntas para obter respostas sobre os continuos atrasos na posta en marcha da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Este proxecto, que fora anunciado como unha oportunidade histórica para posicionar a cidade como un referente en tecnoloxía e intelixencia artificial, permanece en punto morto, segundo denuncian os populares.
Entre as cuestións que se formularán, o PP reclama aclaracións sobre os motivos que están a provocar os atrasos na remodelación da sede asignada á AESIA e sobre o prazo estimado para a súa apertura oficial. A formación tamén demanda información detallada sobre os servizos que a axencia debería estar ofrecendo na actualidade e sobre a forma en que está atendendo as necesidades das empresas do sector tecnolóxico.
Ademais, o PP considera imprescindible coñecer o persoal previsto para a axencia, as súas funcións específicas, os custos que suporá a súa posta en marcha e a localización definitiva da sede. Para os deputados populares, a falta de transparencia sobre estas cuestións supón unha grave carencia na xestión dun proxecto que debería ser estratéxico tanto para A Coruña como para España no ámbito da transformación dixital.
"Estamos ante un compromiso adquirido co Concello e coa cidade, pero o Goberno central está a deixar no aire unha oportunidade única. Non podemos permitir que A Coruña perda o impulso necesario para consolidarse como un polo tecnolóxico de referencia," advertiu Tristana Moraleja.
Finalmente, o PP tamén quere coñecer como se está a planificar a operatividade da axencia para que esta cumpra os obxectivos esperados. Segundo os deputados, os atrasos e a falta de avances na AESIA están a prexudicar gravemente o futuro dunha cidade que aspira a ser líder en innovación e intelixencia artificial.