O PP pide ao Goberno que non se bloquee o saneamento das rías galegas

ACoruñaXa
O senador pola Coruña, Manuel Ruiz, pediu que se leve a cabo unha repartición igualitaria e equitativa de fondos aos concellos correspondentes a cada conca
Playa Betanzos
8 Feb 2024

O portavoz de Pesca do Grupo Popular no Senado, Manuel Ruiz Rivas, presentou unha moción ao Goberno central, durante a Comisión de Transición Ecolóxica do Senado, para pedir que non se bloquee o saneamento das rías galegas o que poñería en risco o financiamento comunitario.

O senador pola Coruña denunciou que a Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica está a causar atrasos no saneamento das rías e poñen en risco o financiamento comunitario, con 35 millóns de euros de fondos europeos consignados no período 2014-2020, un 40% do total. Ademais, tamén solicitou nun segundo punto da moción, "realizar unha serie de medidas para mellorar a xestión que levan a cabo os organismos de concas intercomunitarias, como as Confederacións Hidrográficas do Miño-Sil e do Douro".

Neste sentido, sinalou que 20 concellos están pendentes de autorización de verteduras e que "importantes poboacións como Vilagarcía, Vilanova, Cabanas, Foz ou Viveiro levan unha tramitación de saneamentos que en moitos casos supera os 84 meses, iso é inconcibible".

Ruiz Rivas recalcou que a interpretación da Lei de Costas aplicada polo Ministerio ten como consecuencia que as actuacións de Augas de Galicia, de apoio aos municipios costeiros en saneamento e depuración, están a atrasarse por esta interpretación da normativa discrecional e restritiva, que ignora a unicidade socioterritorial da Comunidade.

Lembra que o recurso do Goberno contra a Lei do Litoral de Galicia impide reverter a situación creada por esa interpretación da normativa realizada pola Dirección Xeral de Costas. "Aos que a outros se lles dá a nós négallenos", denuncia o senador do PP.

"As rías forman parte da nosa identidade e a nosa singularidade e o obxectivo de saneamento ten que ser prioritario e estratéxico", asegura Ruiz Rivas, quen engade que, ademais, é unha fonte de creación de emprego e un atractivo turístico.

0.11410093307495