O PP levará ao Pleno da Coruña unha moción para blindar o voo a Londres desde Alvedro e recuperar Heathrow en Alvedro

O Grupo Municipal Popular do Concello da Coruña presentou unha moción para o Pleno deste xoves, 12 de febreiro, na que esixe á alcaldesa, Inés Rey, que garanta a continuidade da conexión aérea entre Alvedro e Londres. A formación advirte de que o acordo vixente con Vueling para operar a ruta con Gatwick finaliza en abril e teme que, se non se actúa a tempo, a cidade poida quedar sen este destino internacional.
Na iniciativa, o PP tamén reclama recuperar o enlace con Heathrow, que consideran clave por ser o principal aeroporto londiniense e polo impacto que, ao seu xuízo, tivo a súa desaparición en viaxeiros e tecido empresarial. O grupo popular sostén que quedar sen voos directos a Londres sería un novo golpe para a conectividade exterior da Coruña e pide ao goberno municipal que ‘faga os deberes’ coa licitación dos contratos con compañías aéreas, pendente desde hai semanas segundo lembran.
A moción inclúe ademais un apartado centrado na torre de control. Os populares instan a Aena a esixir á concesionaria que incremente o persoal con, cando menos, tres controladores máis fixos, tras a redución de efectivos nos últimos anos. A petición chega nun contexto de malestar laboral no servizo, con advertencias públicas dos profesionais sobre sobrecarga e fatiga.