O PP levará ao pleno a súa preocupación polo aumento da criminalidade na Coruña

ACoruñaXa
O grupo municipal esixe maior prevención, máis presenza policial e mapas de delincuencia por barrios tras coñecerse o incremento dun 2,8% nos delitos nos primeiros nove meses do ano
Miguel Lorenzo, PP Coruña
3 Jan 2025

O grupo municipal do Partido Popular presentará unha pregunta oral no pleno do próximo 9 de xaneiro para abordar o incremento continuado da criminalidade en A Coruña, segundo os datos publicados polo Ministerio do Interior. Estas estatísticas, correspondentes aos nove primeiros meses do ano, sitúan a cidade á cabeza de Galicia en índice de criminalidade, cun aumento do 2,8%, o que supón unha media de 35 delitos diarios. Este incremento multiplica por nove o da media galega (+0,3%) e por máis de dous o da media estatal (+1,2%).

Os populares instan á alcaldesa Inés Rey a adoptar medidas de prevención e seguridade, entre as que destacan a recuperación da Policía de Barrio, a formalización de protocolos de actuación en colaboración coa Policía Nacional, e a elaboración de mapas de delincuencia para identificar as necesidades específicas por zonas. Segundo o grupo, estas medidas permitirían establecer actuacións máis eficaces e reducir os niveis de delincuencia.

Os datos oficiais sinalan un aumento destacado nalgúns tipos de delitos, como os relacionados con homicidios e asasinatos en grao de tentativa (+200%), sustraccións de vehículos (+85%), lesións e liortas tumultuarias (+7%), delitos contra a liberdade sexual (+6,4%) e roubos con violencia (+4,3%).

Dende o Partido Popular tamén lembran que hai sete anos A Coruña rexistraba 3.000 delitos menos que na actualidade e critican a falta de medidas efectivas por parte do goberno local.

0.12131905555725