O PP insta a Rioboo a negociar os orzamentos para desbloquear Culleredo
A portavoz do Partido Popular en Culleredo, Izaskun García, compareceu esta mañá nunha rolda de prensa na sede provincial do partido para expresar a súa disposición a desbloquear a situación económica do municipio e alcanzar un acordo que permita aprobar os orzamentos de 2025. García subliñou que “é a nosa responsabilidade como servidores públicos tender pontes polo ben dos veciños e veciñas e evitar outra paralización como a de 2024, na que se perderon 9 millóns de euros en investimentos clave”.
Durante a súa intervención, a líder popular fixo fincapé nas consecuencias negativas da ausencia de orzamentos no último ano, como a falta de melloras en infraestruturas, estradas, parques infantís ou centros educativos. García asegurou que o Partido Popular está disposto a negociar, pero puxo como condicións imprescindibles que o alcalde se comprometa a contratar en 2025 os servizos municipais caducados, como o subministro de auga, limpeza viaria e de edificios, conserxería e mantemento de zonas verdes. Ademais, a portavoz esixiu incrementar o nivel de execución das inversións municipais a máis do 50%, para evitar que continúe o “ridículo 1% actual”, e axustar o nivel de vinculación xurídica das partidas municipais ao da Deputación da Coruña.
“Se o alcalde acepta estas tres condicións, poderemos sacar a Culleredo da parálise actual e garantir un futuro mellor para todos”, afirmou García. A líder popular lamentou a falta de xestión por parte de José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo e responsable de Facenda na Deputación da Coruña. “Non é lóxico que Rioboo sexa quen de presentar os orzamentos provinciais pero non os do concello que preside”, declarou. Segundo García, esta situación reflicte “unha maior comodidade no seu papel de deputado provincial que no de alcalde de Culleredo”.