O PP insta a Inés Rey a tomarse en serio o problema da vivenda na Coruña

O voceiro do Partido Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, criticou a xestión en materia de vivenda dos gobernos municipal e estatal, ao tempo que destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa construción de vivendas públicas na cidade. Segundo Lorenzo, "a Xunta é a única administración que inviste en vivenda social na nosa cidade", cun plan que prevé a construción de 4.500 vivendas públicas nos próximos anos, "suficientes para cubrir a demanda actual".
Lorenzo puxo en valor o recente anuncio da Xunta sobre a construción dun "gran parque de vivendas protexidas" en Monte Mero, declarado Proxecto de Interese Autonómico para axilizar a súa tramitación. "En Monte Mero, a Xunta anunciou a construción de 3.440 vivendas públicas. Ademais, en Xuxán falamos doutras mil vivendas: 40 entregadas, 40 en obras, 64 en licitación, 256 en parcelas cedidas a cooperativas e 520 en tramitación mediante a modificación do PXOM", detallou.
O voceiro Popular sinalou que a situación actual é preocupante, xa que "16.000 mozos marcharon nos últimos cinco anos por falta de vivenda accesible, e hai 3.367 persoas da nosa cidade inscritas no rexistro de demandantes de vivenda".
En contraposición, Lorenzo acusa ao goberno municipal de Inés Rey de "retrasos tras atrasos" en materia de vivenda. "Non hai avances na tramitación de licenzas, nas subvencións para rehabilitación e accesibilidade, nin nos edificios municipais anunciados en Pontejos e Xuxán", criticou.
O voceiro tamén cargou contra o goberno estatal, destacando a falta de resultados tras os anuncios realizados en campaña electoral. "Do goberno do Estado non sabemos nada: nin unha vivenda das miles da SAREB anunciadas por Pedro Sánchez e Inés Rey. Polo mesmo camiño irá a empresa pública de vivenda que anunciaron no Congreso do PSOE a pasada fin de semana", sentenciou.
Finalmente, Lorenzo fixo un chamamento á alcaldesa da Coruña para que actúe con maior responsabilidade. "Pedímoslle a Inés Rey que se tome en serio o problema da vivenda e que faga un plan municipal real e con criterio", concluíu.