O PP insta a Inés Rey a decretar a emerxencia sanitaria na cidade da Coruña pola folga de recollida de lixo
O portavoz do Partido Popular na cidade da Coruña, Miguel Lorenzo, instou á alcaldesa, Inés Rey, a declarar a emerxencia sanitaria e a ordenar a recollida inmediata do lixo na cidade. "A alcaldesa dixo hai uns días que está estudando medidas. Xa non é momento de estudar, senón de examinarse porque estamos ante un problema de saúde pública. Ten que declarar a emerxencia sanitaria e que se recolla o lixo dunha vez. Van 25 días sen recollida e non tomou ningunha decisión", sinalou Lorenzo.
Lorenzo destacou a gravidade da situación nos barrios, con "contedores desbordados, lixo polo chan, rúas polas que non se pode pasar, e non digamos para persoas con mobilidade reducida, comercios con lixo na porta, locais de hostalaría con lixo pegado ás terrazas, mal olor, roedores e insectos". Subliñou que os barrios non poden aguantar máis e que, tras visitar os barrios e falar con veciños, comerciantes e hostaleiros, estes convocaron unha concentración en María Pita.
"¿Como non van protestar veciños, comerciantes e hostaleiros tal e como están os barrios de lixo, con risco sanitario, e pagando 1 millón de euros ao mes sen que se recolla dende o 24 de xuño?", preguntouse Lorenzo.
O portavoz popular criticou que, malia a que traballadores e empresa non chegan a un acordo, os coruñeses seguen como reféns desta situación, pagando mensualmente por un servizo que non se está a prestar. Lorenzo lembrou que o contrato coa empresa concesionaria foi anulado polo TSXG hai un ano, sen que o goberno municipal socialista tomara medidas ao respecto.
Lorenzo insistiu na urxencia de declarar a emerxencia sanitaria e na necesidade de que se recolla o lixo inmediatamente, sinalando que "non é momento de estudar, senón de examinarse porque é un problema de saúde pública".