O PP insta a Inés Rey a activar os Plans de Saúde Mental, Inclusión Social e Accesibilidade

ACoruñaXa
Reclaman obxectivos, recursos e prazos concretos para unhas iniciativas clave que, segundo os populares, "non están finalizadas nin definidas"
Miguel Lorenzo, PP A Coruña
9 Dec 2024

O Grupo Popular presentará unha moción no Pleno do mércores para esixir á alcaldesa Inés Rey unha data definitiva para a posta en marcha dos Plans Municipais de Saúde Mental, Inclusión Social e Accesibilidade. Segundo os populares, estes plans carecen de obxectivos claros, accións específicas, recursos asignados, persoal responsable e cronogramas de execución.

Miguel Lorenzo, voceiro do PP, destacou que "o goberno municipal anunciou a posta en funcionamento destes plans sen ter avanzado na súa concreción". Sobre o Plan de Saúde Mental, afirmou que se limita a ser "unha declaración de intencións sen fases, espazos definidos, poboación diana ou presuposto asignado".

No caso do Plan de Inclusión Social, Lorenzo criticou que, malia ser un dos puntos acordados co BNG para a investidura de Inés Rey, "aínda se atopa nun proceso inicial de análise, a pesar de que debería ser unha ferramenta clave para combater a pobreza e previr a vulnerabilidade social".

Finalmente, respecto ao Plan de Accesibilidade, destacou que é unha promesa reiterada "tanto a entidades como a persoas con discapacidade, pero segue sen estar elaborado, a pesar da súa relevancia para garantir un entorno accesible e inclusivo".

Os populares urxen ao goberno municipal a incorporar medidas concretas en cada plan, garantindo a súa posta en marcha nun prazo razoable.

⚙ Configurar cookies
0.13470506668091