O PP impulsa unha moción para garantir o futuro laboral dos traballadores das Bibliotecas Municipais

ACoruñaXa
A formación solicita un novo contrato de servizo e un plan de actuación que asegure estabilidade e garantías aos máis de 70 empregados do sistema de bibliotecas
Imaxe dunha biblioteca municipal na Coruña
6 Nov 2024

O Partido Popular levará ao Pleno municipal deste 7 de novembro unha moción en apoio aos traballadores das Bibliotecas Municipais, que están a vivir unha situación de incerteza respecto ao seu futuro laboral. Segundo indica o portavoz popular, Miguel Lorenzo, “estes profesionais non merecen vivir nesta situación de inseguridade, xa que o Goberno municipal non avanzou no proceso de municipalización, nin tampouco iniciou a licitación dun novo contrato que asegure o servizo”.

Lorenzo subliña que “os traballadores das bibliotecas levan case unha década de inestabilidade: pasaron por un intento frustrado de remunicipalización, impagos de soldos, prestación de servizos en condicións precarias, e cambios de empresas en plena vixencia dos contratos”. A última promesa de municipalización foi anunciada recentemente, sen ningún tipo de información oficial ao persoal.

O Grupo Popular insta o Goberno local a tomar medidas concretas: licitar un novo contrato para as bibliotecas mentres se analiza un informe xurídico sobre a unificación do servizo e aprobar un plan de actuación para o sistema de bibliotecas con fases e dotación orzamentaria. Ademais, o PP considera que a falta de avances e as escasas reunións da comisión de Bibliotecas —que só se reuniu catro veces nun ano e medio— son insuficientes para garantir a estabilidade dos máis de 70 traballadores.

Para o PP, o Goberno debería comezar xa a licitación dun novo contrato e establecer un plan de actuación para que as bibliotecas municipais teñan unha continuidade que responda ás necesidades dos traballadores e dos usuarios.

0.16198897361755