O PP festexa a incorporación de 25 médicos fixos aos centros de saúde da pronvincia
O Partido Popular da Coruña celebrou a adxudicación de 25 prazas de médico de familia con carácter fixo nos centros sanitarios da provincia publicada pola Consellería de Sanidade na web oficial do Sergas. A nova chega trala resolución do concurso de méritos para persoal facultativo especialista de atención primaria convocado pola Xunta de Galicia en maio de 2023. A resolución farase pública nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e sucesivamente abrírase un prazo dun mes para a incorporación do novo persoal sanitario.
Este concurso posibilitou a cobertura de catro prazas de medicina de familia no centro de saúde de Narón, tres nos de Boiro, dúas nos de Rianxo e Fontenla Maristany (Ferrol) así como unha praza respectivamente nos centros de A Pobra, Ares, As Pontes, Arteixo, Frades, Laxe, Muros (Esteiro), Mesía (Xanceda), Noia, Ribeira, Santa Comba, Teo (Cacheiras), Trazo (Agro do Mestre) e Vimianzo.
Os populares destacan que esta convocatoria puido realizarse a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura aprobada no Parlamento galego cos votos en contra do BNG e do PSdeG. Ademais insisten que esta lei permite darlle aos sanitarios unha maior estabilidade laboral a través dun sistema áxil e rápido como o é un concurso de méritos que non require exame de oposición.
Por outra banda, o PP da Coruña lamentou a postura do PSdeG e do BNG lembrando que, se por eles fora, non se podería realizar este proceso e cubrir estas prazas. E así mesmo, criticou aos candidatos de ambos partidos ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario mentres os seus partidos votaron en contra de solucións que hoxe se concretan.