O PP esixe máis dispositivos policiais na Coruña e medidas ante o aumento dos delitos asociados coas okupacións

ACoruñaXa
O cabeza de lista do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, denunciou nun encontro con entidades veciñais que a cidade ten pouco máis de 300 axentes, 107 menos dos que serían necesarios por poboación
Diego Calvo, o líder provincial do PP
12 Feb 2024

O cabeza de lista do Partido Popular pola provincia da Coruña ao Parlamento de Galicia, Diego Calvo, alertou este luns sobre o aumento da inseguridade na Coruña e a súa área metropolitana e reclamou ao Concello e ao Goberno Central que incremente o número de axentes da Policía Local e Nacional.

Nun encontro mantido esta tarde con entidades veciñais da cidade, e acompañado polo voceiro local, Miguel Lorenzo, e pola responsable de seguridade cidadá do PP local e tamén policía local, Susana Catalán, Calvo, lembrou que Galicia é unha das comunidades con mellores índices de criminalidade. "Na provincia da Coruña a tendencia é tamén á baixa , aínda que hai casos de aumento na área metropolitana coruñesa relacionados cos roubos e o tráfico de droga", apuntou.

Neste sentido, o popular incidiu en que, a pesar destes datos, a Xunta de Seguridade do Concello da Coruña só reuniuse dúas veces nos dous últimos anos e non se informou de ningunha medida ou iniciativa para acabar con estes delitos. "Desde o PP local levamos moito tempo reclamando que o Concello actúe ante a inseguridade e as okupaciones, porque pode, como se comprobou, e ímolo a seguir facendo porque o problema segue aí e vai en aumento", incidiu o líder dos populares, quen denunciou que nin Concello, nin o Goberno Central contan cuns orzamentos que permitan aumentar o persoal da Policía Local e o Goberno a da Policía Nacional.

O presidente provincial do PP aproveitou tamén para lembrar que, co Goberno do PP na Coruña había dez patrullas de Policía Nacional na rúa e, nestes momentos, non pasan de dous ou tres. "O peor de todo é que quitaron a axentes da rúa para atender nas oficinas e isto non pode suceder porque os barrios quedan desatendidos", afirmou o popular, quen lembrou tamén que a cidade ten pouco máis de 300 axentes de Policía Municipal, 107 menos dos que serían necesarios por poboación.

Segundo o popular, o que necesita a Coruña é aumentar o número de membros dos corpos e forzas de seguridade, e nunca reducilos nin substituílos, en clara referencia á proposta do BNG de botar das cidades tanto á Garda Civil como a Policía Nacional. En canto á Policía Autonómica, aseverou que a plantilla da Policía Autonómica en toda Galicia atópase ao 70% da súa capacidade con 351 axentes, dos 500 que corresponderían á comunidade.

"Desde Galicia pedimos de maneira conxunta con Aragón, Comunidade Valenciana e Andalucía máis efectivos para as nosas policías autonómicas porque a falta de persoal pode ter un impacto negativo nos servizos que estas unidades prestan aos cidadáns, tan importantes como a protección de vítimas de violencia sobre a muller, de menores, a competencia no control de xogo, a protección do medio ambiente ou a loita contra os incendios forestais", afirmou Calvo.

O problema coa'okupación' na cidade

Diego Calvo aproveitou o encontro para referirse aos problemas que xera a ‘okupación’, en clara tendencia alcista en Galicia e en especial na Coruña.

"Desde Galicia non imos permitir que a 'okupación' sexa o medio para ter unha vivenda, como entendemos que fomenta a nova Lei de vivenda estatal", asegurou Calvo, quen fixo fincapé en que desde a Xunta solicitouse xa en maio de 2023 unha comisión bilateral, pero que non se celebrou ata o pasado xaneiro. "Nesa reunión acordouse que se trasladarían os apartados que se deberían cambiar para evitar un conflito de competencias. Se esas peticións non se atenden, Galicia recorrerá a Xustiza", avanzou.

Por último, o popular indicou que é necesario modificar o marco legal para plantar cara á ocupación e usurpación de vivendas, evitar distorsión, contemplar un ben xurídico que aínda non se tivo en conta como é a convivencia veciñal pacífica e respectuosa, e protexer aos propietarios e os seus bens. "A ocupación é un delito que non se pode branquear", concluíu.

 

 

0.14114594459534