O PP esixe explicacións ao PSdeG e ao BNG tras unha terceira denuncia por acoso contra Inés Rey

ACoruñaXa
Miguel Lorenzo reclama a dimisión da alcaldesa e de Lage Tuñas e acusa aos socios do Goberno local de ‘cinismo e hipocrisía’ ao manter o seu apoio malia a gravidade das acusacións
A CORUÑA miguel lorenzo pp
22 Dec 2025

O portavoz do Partido Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, volveu elevar a presión política sobre o Goberno local tras coñecerse a existencia dunha terceira denuncia por presunto acoso laboral contra a alcaldesa, Inés Rey.

Para o portavoz popular, este feito desmonta por completo a versión defendida pola rexedora, que atribuía as denuncias anteriores a unha suposta vinganza por non ter incluído ás denunciantes nas listas electorais de 2023. ‘Cae polo seu propio peso, porque agora falamos dunha persoa do seu propio equipo’, sinalou Lorenzo, quen advertiu de que xa non se trata de feitos illados, senón dun ‘patrón de conduta continuado e institucionalizado no tempo’.

O líder do PP local insistiu en que, se xa no pasado reclamara a dimisión de Inés Rey e do seu portavoz, Lage Tuñas, tras dúas denuncias, ‘agora esa dimisión é máis necesaria que nunca’ ao tratarse, segundo indicou, de tres denuncias, dúas de ex concelleiras e unha dunha integrante do actual Goberno municipal.

Lorenzo puxo tamén o foco na responsabilidade política do PSdeG e do BNG, aos que acusou de actuar como ‘cómplices’ ao manter o seu apoio á alcaldesa. En especial, referiuse á reunión da executiva socialista prevista para esta tarde, preguntándose se o partido será coherente cos seus postulados e coas decisións adoptadas noutros concellos como Lugo ou Barbadás.

O portavoz popular advertiu tamén de que, de pecharse un acordo orzamentario antes de finalizar o ano, ‘serán os orzamentos da vergoña’, o prezo que, ao seu xuízo, pagará o Goberno socialista para garantir o apoio do BNG, ‘mirando cara a outro lado ante feitos tan graves como os denunciados’. Lorenzo concluíu afirmando que ‘xa non caben máis escusas nin explicacións inventadas’, porque, na súa opinión, ‘os feitos desmenten á alcaldesa’.

⚙ Configurar cookies
0.085838079452515