O PP esixe ao Goberno de Inés Rey aclarar o papel da oposición na Cidade das TIC e saldar a débeda coa UDC

ACoruñaXa
Miguel Lorenzo demanda o pagamento de 2 millóns de euros á UDC e a solicitude dos 43 millóns de euros en fondos estatais para a rehabilitación das instalacións
Cidade das TIC
31 Oct 2024

O portavoz do Grupo Popular no Concello, Miguel Lorenzo, reclamou ao Goberno de Inés Rey que aclaren o papel da oposición nos órganos de goberno da futura sociedade de xestión da Cidade das TIC, cuxa creación se aprobou hai un ano en pleno, aínda que a súa constitución está pendente. Lorenzo lamenta que esta falta de avances se dea nun proxecto que se cualificou como “estratéxico” para A Coruña e no que o propio Concello conta cun 51% da participación. “Resulta paradoxal que o Goberno municipal leve agora unha modificación dos estatutos ao pleno sen que se fixeran avances para crear a entidade”, afirmou.

En relación á débeda coa Universidade da Coruña (UDC), Lorenzo denunciou a situación de incerteza nas contas da institución académica, que aínda espera o pago de 2 millóns de euros por unhas obras xa rematadas. A alegación presentada polo PP sobre o modificativo orzamentario M5 busca incluír a totalidade deste importe, xa que a proposta actual cobre unicamente 409.000 euros. “Non entendemos por que se opta por unha solución parcial cando a UDC xa pagou esas obras á empresa e precisa cubrir este burato económico”, sinalou Lorenzo, apuntando que esta mesma cuestión se reflexa no informe do Interventor municipal, que tamén pregunta por que non se contempla o pago completo.

Ademais, o portavoz do PP lamentou a falta de xestión para garantir a achega de 43 millóns de euros dos fondos estatais Next Generation, destinados a completar a rehabilitación das naves da Cidade das TIC. “O plan estratéxico contemplaba esta contribución estatal, pero ata agora, a única achega do Estado é cobrar 13 millóns de euros en concepto de alugueiro por un prazo de 50 anos, un importe que dista de ser un investimento real para o proxecto”, criticou Lorenzo. O voceiro insistiu en que o Concello debe negociar con responsabilidade e insistir ao Goberno central para garantir que eses fondos estean dispoñibles, evitando que o proxecto da Cidade das TIC quede limitado pola falta de financiamento.

O Grupo Popular tamén aproveitou para pedir maior transparencia sobre o destino da aportación municipal de 13,1 millóns de euros, contemplada no documento inicial de creación da sociedade, pero que non se ve reflectida no orzamento actual. “O proxecto da Cidade das TIC é de vital importancia para a economía local e a innovación tecnolóxica en A Coruña, polo que esiximos un compromiso financeiro real e unha clara definición dos papeis de todos os participantes”, concluíu Lorenzo.

0.1699550151825