O PP esixe ao Goberno Central indemnizacións para os mariscadores da ría de O Burgo ata a recuperación das especies
O Partido Popular (PP) reclamou hoxe no Senado que o Goberno Central asuma as indemnizacións para os mariscadores da ría de O Burgo mentres as especies resembradas non acaden o tamaño axeitado para a súa comercialización. O senador popular Manuel Ruiz Rivas lembrou que foi o propio Estado quen "liderou, adxudicou e contratou" a obra de rexeneración, e, polo tanto, debe asumir os efectos a longo prazo desta intervención sobre o sector marisqueiro.
Ruiz Rivas subliñou que as afectacións non conclúen coa presenza das máquinas na ría, senón que, tal e como establece a declaración de impacto ambiental, prolongaranse ata que as especies cultivadas acaden unha talla axeitada. “A duración real da obra non é a presenza de maquinaria no terreo; a obra dura o que establece a declaración de impacto ambiental, é dicir, ata que o ecosistema recupere a súa capacidade produtiva”, aclarou o senador.
Ademais, o senador sinalou que non existen razóns legais nin económicas para que o Estado se opoña ao pago destas compensacións, aludindo a un estudo independente realizado pola Universidade de Santiago de Compostela que avala a súa postura. Ruiz Rivas cuestionou tamén o compromiso do Goberno Central con Galicia, suxerindo que a resposta podería ser distinta se este proxecto de rexeneración se estivese a realizar noutras zonas costeiras con máis interese político para o executivo central.
Rechazo á emenda do PSOE
Por outra banda, o Partido Popular manifestou a súa negativa a aceptar a emenda presentada polo grupo socialista que propón que o custe destas indemnizacións sexa asumido conxuntamente polo Goberno Central e a Xunta de Galicia. Segundo Ruiz Rivas, é o Goberno Central quen debería facerse cargo da totalidade das compensacións, xa que, na súa opinión, a Xunta xa colaborou no saneamento da ría, pero a rexeneración é “unha competencia única e exclusiva do Goberno Central".