O PP esixe a Inés Rey un modificativo urxente para garantir convenios e investimentos nos barrios
O portavoz do Grupo Popular, Miguel Lorenzo, esixe á alcaldesa Inés Rey que cumpra coa moción aprobada no Pleno do 9 de xaneiro e tramite con urxencia un modificativo orzamentario que permita renovar os convenios nominativos coas entidades sociais e executar investimentos nos barrios. “Un modificativo podería estar aprobado definitivamente en tres semanas, mentres que a aprobación dun novo orzamento vinculado a unha cuestión de confianza podería demorarse ata abril. Nin as asociacións nin os barrios poden esperar tanto”, sinala Lorenzo.
O portavoz Popular, acompañado pola concelleira Rosalía López, visitou esta mañá a sede de UTACA (Unidade de Tratamento de Condutas Adictivas), unha entidade que no 2024 recibiu 45.000 euros e que este ano quedou sen convenio debido á falta dun novo orzamento. “Seguimos esperando que Inés Rey presente os presupostos que anunciou a semana pasada, pero non temos noticias. Mentres tanto, a prórroga orzamentaria implica un recorte de 62,5 millóns de euros en obras nos barrios e deixa sen convenio a todas as entidades de todos os sectores”, advertiu.
O Grupo Popular lembra que a súa moción foi aprobada con maioría absoluta e co apoio do BNG. A pesar de que a alcaldesa anunciou un novo orzamento para finais de mes, Miguel Lorenzo insiste en que ese proceso pode alongarse moito máis do previsto debido aos prazos legais, incluíndo o tempo necesario para levar o orzamento a Pleno dúas veces, un mes para posibles mocións de censura e quince días hábiles para alegacións. “É inviable para as asociacións e os barrios agardar tanto tempo. Un modificativo resolvería a situación en poucas semanas”, asegurou.