O PP e o BNG da Coruña únense para pedir un modificativo que garanta investimentos e apoio ás entidades
A Coruña celebrou este xoves o primeiro pleno do 2025, marcado pola expectación ante a presentación dos novos orzamentos municipais por parte da alcaldesa, Inés Rey, prevista para finais de xaneiro. Durante a sesión, a oposición puxo sobre a mesa cuestións clave como a moción presentada polo Partido Popular para solicitar un modificativo que permita financiar convenios con entidades e proxectos de investimento. A iniciativa contou co apoio do BNG, pero quedou ensombrecida pola estratexia do goberno local de vincular os orzamentos a unha cuestión de confianza se non logran o respaldo da Corporación.
O portavoz do PP, Miguel Lorenzo, cualificou a situación como "insostible" e criticou que "as inversións e as entidades non poden seguir esperando". Pola súa banda, Francisco Jorquera, voceiro do BNG, destacou que o modificativo "é urxente", aínda que considerou lexítima a decisión da alcaldesa. Mentres, José Manuel Lage, portavoz do PSOE, respondeu que a moción era "extemporánea" e convidou á oposición a enviar propostas para os novos orzamentos, asegurando que serán avaliadas.
Na parte resolutiva, aprobouse a nova ordenanza reguladora dos centros municipais de empresas, que busca facilitar os trámites para emprendedores e cooperativas. Diana Cabanas, concelleira de Emprego, destacou que a normativa "impulsará novas iniciativas empresariais na cidade". Con todo, o PP criticou que "o apoio ás empresas foi o gran esquecido deste mandato".
Outro tema destacado foi o debate sobre os atrasos nas obras do mercado de Monte Alto. O goberno local admitiu un atraso inicial de nove meses, pero negou sobrecustos, mentres a oposición pediu maior dilixencia na execución.