O PP destaca as claves para o desenvolvemento dos terreos portuarios en Coruña Marítima

ACoruñaXa
Miguel Lorenzo considera que as liñas mestras da licitación “son uns bos mimbres que coinciden co proxecto do Partido Popular: soterramento do tráfico, edificios singulares, máis vivenda en San Diego e compatibilidade cos usos portuarios existentes”
Miguel Lorenzo, PP Coruña
21 Jan 2025

O portavoz do Grupo Popular, Miguel Lorenzo, valorou positivamente as liñas mestras do estudo que se vai licitar tras a súa aprobación o próximo venres na comisión Coruña Marítima. “Son uns bos mimbres para comezar a deseñar o desenvolvemento dos terreos portuarios, que coinciden en boa medida co noso proxecto de cidade presentado nas eleccións municipais”, afirmou Lorenzo.

O líder popular subliñou que o desenvolvemento da fachada marítima é unha prioridade, xa que marcará o futuro da cidade. Neste sentido, instou a avanzar “sen présa pero sen pausa, con boa letra e sen precipitación” para garantir un proxecto sólido que atenda as necesidades da cidadanía.

Entre as propostas incluídas no proxecto destacan o soterramento do tráfico, a creación de edificios singulares nas zonas de Batería e Calvo Sotelo, a ampliación de vivendas en San Diego e a compatibilidade dos usos portuarios existentes, como os cruceiros, a lonxa ou a industria asociada. “Os terreos deben ser públicos, con máis infraestruturas e servizos, e cunha solución para a débeda portuaria ou unha medida equivalente”, apuntou Lorenzo.

O portavoz popular lembrou que o seu partido foi o único en presentar unha proposta concreta para a fachada marítima no programa electoral, incluíndo o traslado da Marina ata a Praza de Ourense e os xardíns ata o mar, sempre garantindo un acordo entre administracións. Tamén puxo como exemplo o proxecto de reforma do Parrote e a Marina, liderado polo goberno municipal do PP, que cualificou como “a verdadeira fase 0 da recuperación dos terreos portuarios para uso cidadán”.

Ademais, Lorenzo destacou a importancia de revisar os convenios asinados en 2004 e de promover a participación cidadá no deseño do proxecto. Neste sentido, sinalou a necesidade de crear un consorcio ou un ente análogo que articule a colaboración entre expertos, entidades e administracións públicas.

Por último, criticou a perda de credibilidade da alcaldesa Inés Rey neste asunto, asegurando que “desdeciu a súa propia proposta” e carece do liderado necesario para impulsar este proxecto clave para A Coruña. Lorenzo insistiu en que “todos debemos acertar neste tema” e en que o enfoque debe ser construtivo e baseado no consenso para asegurar o éxito do desenvolvemento da fachada marítima.

0.18461680412292