O PP denuncia que a alcaldesa Inés Rey deixou sen gastar o 68% do orzamento para ascensores no 2023

ACoruñaXa
O portavoz popular reclamará no Pleno máis subvencións e unha nova Ordenanza para garantir a accesibilidade en tres meses
Imaxe recurso dun ascensor
24 sep 2024

O portavoz do Partido Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, denunciará no próximo Pleno que o goberno de Inés Rey deixou sen gastar 990.000 euros do orzamento destinado en 2023 para a instalación de ascensores en edificios, o que supón o 68% dos 1,45 millóns previstos. Esta situación afecta centos de edificios antigos nos que viven persoas maiores ou con mobilidade reducida, dificultando a súa autonomía.

Lorenzo proporá a creación dunha nova Ordenanza municipal para axilizar a instalación de ascensores, ademais da posta en marcha dunha Oficina Técnica de Accesibilidade, que garantirá a aprobación das licenzas nun prazo máximo de tres meses. Tamén pedirá un incremento das axudas a un mínimo de 2 millóns de euros anuais, ante o recorte do 31% nas subvencións previsto para 2024, que baixou de 1,45 millóns a 1 millón de euros.

“No se entende que o Goberno municipal denegase máis solicitudes de subvencións das que aprobou, 63 fronte a 52, deixando sen resolver máis de 80 peticións a pesar de que o prazo rematou en abril deste ano”, criticou Lorenzo, facendo fincapé na urxencia de mellorar a accesibilidade nos edificios antigos para evitar que moitos coruñeses sigan confinados nos seus propios fogares debido á falta de ascensores.

0.19657611846924