O PP demanda explicacións pola negativa do Goberno central a conceder unha subvención ao Castro de Elviña na Coruña

ACoruñaXa
Os deputados Tristana Moraleja e Álvaro Pérez rexistraron preguntas no Congreso dos Deputados e o concelleiro Gonzalo Mora fixo o mesmo no Concello para esclarecer esta situación
Imaxe dos deputados provinciais no Castro de Elviña
15 Xul 2024

O Partido Popular pregunta aos Gobernos socialistas, tanto do Estado como municipal, polos motivos que levaron ao Goberno central a negar unha subvención de 890.062 euros para o Castro de Elviña, a pesar de que o proxecto cumpría cos criterios esixidos polo Ministerio.

Os deputados Tristana Moraleja e Álvaro Pérez presentaron preguntas por escrito no Congreso dos Deputados, mentres que o concelleiro Gonzalo Mora fixo o mesmo no Concello, en resposta ao que consideran unha discriminación.

En decembro de 2022, a Secretaría de Estado de Turismo publicou unha Orde de axudas para o programa de mellora da competitividade e dinamización do Patrimonio Histórico con uso turístico. Un dos proxectos presentados polo Concello foi o do Castro de Elviña, escavado por primeira vez en 1947 e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1962, cun orzamento de 890.502 euros. A pesar de superar a fase inicial e cumprir cos criterios esixidos, o proxecto non recibirá a axuda.

A proposta do Concello destinaba 349.754 euros a melloras de accesibilidade e condicións de visita ao poboado; 258.515 euros ao financiamento dun centro de apoio para actividades arqueolóxicas e didácticas; 256.381 euros ao valado perimetral do castro, e reservaba unha partida de 25.850 euros para actuacións de posta en valor do Castro de Elviña.

O Partido Popular reclama transparencia e explicacións sobre esta decisión, que consideran inxusta para un proxecto que pretende mellorar e dinamizar un patrimonio histórico de grande valor para a comunidade.

0.19016313552856