O PP defenderá no Senado as principais reivindicacións do sector pesqueiro da provincia da Coruña

ACoruñaXa
Co foco no relevo xeracional, a homologación de títulos e a equiparación das condicións fiscais coas doutros países
Pesca Maritima
11 Jun 2025

O Partido Popular trasladará ao Senado as demandas máis urxentes do sector pesqueiro da provincia da Coruña, que segundo a formación “coinciden coas principais necesidades do sector a nivel nacional” e que están centradas no relevo xeracional, a homologación de títulos e a equiparación das condicións fiscais coas doutros países europeos.

A delegación de senadores populares da Comisión de Pesca da Cámara Alta, entre os que se atopa Manuel Ruiz Rivas, comprometeuse a recoller as achegas feitas polos patróns maiores das confrarías da provincia, tras escoitalos directamente nos últimos días.

“Os problemas da pesca nos que máis inciden todos e cada un dos seus actores é o relevo xeracional”, sinalou Ruiz Rivas, facendo fincapé na necesidade de facilitar o acceso á profesión a novas xeracións. Así, indicou que unha das principais prioridades pasa por “facilitar a obtención de títulos, especialmente para a xente que ten experiencia no mundo do mar, así como revisar as condicións para a homologación de títulos doutros países e adaptar a formación ás necesidades do sector facilitando que os traballadores do mar poidan chegar facilmente a ser uns tripulantes cualificados”.

O portavoz popular da comisión tamén defendeu a creación dun marco estatal común que regule a titulación náutico-pesqueira. “Estamos dispostos a defender un marco estatal único e harmonizado de titulacións náutico-pesqueiras que garanta o seu recoñecemento automático en todo o territorio nacional”, afirmou.

En materia fiscal, Rivas recalcou a importancia de igualar as condicións para as empresas españolas que operan fóra das augas nacionais. “Xa temos rexistrada unha iniciativa para reclamar exencións fiscais de ata 60.000 euros para aquelas tripulacións que operan con bandeira española en augas fóra do noso territorio nacional”, avanzou.

A proposta popular tamén inclúe a petición ao Goberno central de ampliar a exención do IRPF e modificar parcialmente as leis do Imposto de Sociedades, o IRNR (Imposto sobre a Renda de Non Residentes) e o Imposto sobre o Patrimonio para os tripulantes españois que traballan en buques con bandeira nacional en augas internacionais. “O obxectivo é o de estimular o relevo xeracional e, sobre todo, evitar a fuga de talento para países con condicións fiscais máis favorecedoras”, concluíu Rivas.

⚙ Configurar cookies
0.54428195953369