O PP de Sada cualifica de "carta aos Reis Magos" a reserva de case 3 millóns para obras

ACoruñaXa
Os populares critican a xestión do goberno actual, que solicita unha modificación de crédito significativa só uns meses despois de aprobar uns orzamentos que non incluían estes proxectos necesarios para o municipio
Edificio do Concello de Sada
27 Xuño 2024

O Partido Popular de Sada cuestionou onte a viabilidade dos investimentos e proxectos que o Goberno de SadaMaioría está publicitando nestes días, empregando case 3 millóns de euros dos máis de 4 millóns do remanente de tesourería do pasado exercicio.

Os populares critican a xestión do goberno actual, que solicita unha modificación de crédito significativa só uns meses despois de aprobar uns orzamentos que non incluían estes proxectos, moitos deles necesarios desde hai anos e reclamados polo Partido Popular. Entre estas necesidades, destacan a compra dun novo camión de saneamento, a mellora do sistema de bombeo e a creación de aparcamentos disuasorios. En cambio, o goberno prioriza, por exemplo, a construción dun anfiteatro de cemento nas Brañas.

A portavoz popular, Esperanza Arias sinala: “Levan 8 anos sen atender ningunha desas necesidades e agora todo é posible”. Este xoves levan a pleno a modificación de crédito para levar a cabo esas actuacións, obras algunhas de máis de 300.000 euros, sen contar co asesoramento dos técnicos do Concello ou os propietarios dos terreos, para avaliar a viabilidade das mesmas.

"Poñer o carro antes que os bois é xa unha práctica habitual deste desgoberno", afirma Esperanza Arias. "Que credibilidade teñen estas promesas vendo os numerosos proxectos errados ou mal executados, como o módulo deportivo de Mondego, a estrada de Sada e Os seus Contornos, ou os POS paralizados como a Humanización do parque de Fontán, pendente aínda da autorización de Portos?", engade.

Arias lembra que o alcalde negou a necesidade desta autorización a pesar da insistencia dos populares, afirmando que era un requisito imprescindible para optar á axuda da Deputación.

 

0.18525815010071