O PP de Oleiros presentará unha moción en defensa dun sistema de financiamento xusto e solidario
O Partido Popular de Oleiros levará ao próximo Pleno Municipal unha moción na que critica a cesión do Goberno Central ante o que cualifican como “peaxe separatista”. Segundo o PP, isto ameaza o acceso equitativo dos cidadáns aos servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación ou a dependencia, xerando unha fenda na igualdade de oportunidades entre comunidades autónomas.
O grupo popular advirte que a renuncia aos impostos dunha comunidade autónoma podería comprometer unha importante fonte de ingresos, fundamental para reducir as desigualdades en todo o país. Na súa moción, solicitan a paralización de calquera avance cara á independencia fiscal promovida polo separatismo e esixen garantías de que ningunha comunidade do réxime común saia do sistema nin se fragmente a Axencia Tributaria.
Ademais, o PP insta á convocatoria urxente da Conferencia de Presidentes Autonómicos co obxectivo de recuperar un consenso mínimo. Loli Silva, voceira municipal do PP, subliñou a importancia de que as comunidades autónomas poidan acceder aos 18.000 millóns de euros dos fondos Next Generation, que aínda non foron executados polo Goberno, para evitar a súa devolución á Unión Europea. Silva tamén destacou a necesidade de respectar a autonomía fiscal e outras competencias autonómicas recollidas na Constitución e nos estatutos de autonomía, e pediu que o alcalde permita o debate desta moción no Pleno.