O PP de Oleiros pide ao alcalde que elimine os plumachos da súa finca en Iñás

ACoruñaXa
Os populares critican que o alcalde pida aos veciños que eliminen os plumachos das súas fincas cando el non o fai nas súas propias
Imaxe dos plumachos nunha finca propiedade do alcalde de Oleiros
22 Mar 2024

Dende o Partido Popular de Oleiros informaron de que enviaron ao alcalde unha copia da carta que el mesmo enviou a todos os veciños do municipio que considera propietarios de leiras que albergan a denominada herba da Pampa. Pois, os populares consideran que o alcalde non se sente aludido tras varios intentos errados de conseguir a eliminación da herba da pampa dunha leira que posúe en Iñás.

Asinada polo concelleiro do Partido Popular responsable Medio Ambiente e Servizos, Jaime Núñez Cartelle, presentouse por rexistro no Concello a carta dirixida a García Seoane como un último intento de que corrixa nas súas propiedades o que persegue nas alleas.

"Levamos anos requirindo ao alcalde no Pleno e nos medios de comunicación para que predique co exemplo xa que non se pode esixir ao veciño a eliminación da chamada infesta dos plumachos cando el mesmo a conserva e alenta nas súas propiedades" sinalou Núñez Cartelle.

"Estou seguro que o Servizo de Comisariado Político encargado de vixiar selectivamente e ás furtadelas ao veciño, deu conta de moitas outras leiras, pero esqueceuse desta e, por tanto, o alcalde quedou excluído como destinatario da súa propia carta ameazante" engadiu o concelleiro do Partido Popular", engadiu Núñez.

"Cuestiona a especulación, pero especula, defende o medio ambiente pero corta árbores, arrasa bosques e conserva os seus plumachos, quéixase de que o insulten, pero insulta, en fin, todo teatro e hipocrisía" resumiu o popular.

0.074177980422974