O PP de Oleiros pedirá información sobre as vivendas previstas no municipio para a próxima década

O Grupo Municipal Popular de Oleiros formulará no Concello unha pregunta para coñecer o número de vivendas que está previsto construír e ocupar no municipio antes do 31 de decembro de 2036, ante a preocupación polo continuo crecemento da poboación e a necesidade de que este vaia acompañado das infraestruturas e servizos públicos necesarios.
Os populares sinalan que nos vindeiros meses e anos está prevista a finalización ou posta en marcha de distintos desenvolvementos urbanísticos e promocións residenciais en varias parroquias do concello, tanto de iniciativa pública como privada. Segundo indican, estas actuacións suporán un importante incremento do parque residencial e, en consecuencia, da demanda de servizos básicos, especialmente os relacionados coa mobilidade debido ao aumento do número de vehículos.
Co obxectivo de coñecer a planificación municipal en materia de vivenda, infraestruturas e servizos públicos, o PP solicitará ao Goberno local información detallada sobre as vivendas cuxa finalización e ocupación estea prevista antes de finais de 2036.
A formación popular reclama que os datos sexan desagregados por parroquias e urbanizacións ou ámbitos de desenvolvemento urbanístico, indicando para cada actuación a súa localización, o número total de vivendas previstas, a tipoloxía das mesmas —xa sexan colectivas, unifamiliares, adosadas, pareadas ou doutra clase—, así como o seu réxime xurídico, diferenciando entre vivenda libre, protexida, promoción pública, cooperativa ou outras modalidades.
Tamén pedirán información sobre o estado actual de tramitación ou execución de cada proxecto, a data prevista de finalización das obras e a estimación da súa ocupación efectiva.
Ademais, o Grupo Municipal Popular solicita que o Concello detalle a poboación potencial adicional que poderían xerar estes desenvolvementos residenciais e as medidas previstas para garantir unha adecuada prestación dos servizos públicos e das infraestruturas asociadas ao crecemento demográfico.
Neste sentido, os populares consideran necesario coñecer as actuacións previstas en materia de rede viaria, abastecemento de auga, saneamento, así como a dotación de equipamentos educativos, deportivos e sociais que permitan dar resposta ao incremento de poboación que experimentará o municipio nos próximos anos.