O PP de Oleiros denuncia o comezo das obras do paseo marítimo de Santa Cruz sen á autorización de Costas

ACoruñaXa
O Partido Popular critica que o alcalde inicie os traballos sen contar co permiso de dominio público marítimo-terrestre, aínda en fase de alegacións
Imaxe das obras no parque As Galeras en Oleiros
6 Nov 2024

O Partido Popular de Oleiros denunciou que o alcalde de Oleiros deu comezo ás obras de reposición do paseo marítimo de Santa Cruz ao parque As Galeras sen agardar á autorización da Demarcación de Costas. Segundo un anuncio publicado recentemente por Costas, a actuación está aínda en fase de alegacións, cun prazo que rematará o xoves 7 de novembro. Despois dese día, a Demarcación de Costas debe resolver a solicitude do Concello.

A portavoz municipal do Partido Popular, Loli Silva, criticou que, malia non contar coa concesión de dominio público marítimo-terrestre, o alcalde decidise seguir adiante cos traballos. Silva cualificou esta actitude de “imprudente” e “irresponsable”. "Desde o Partido Popular defendemos a execución do paseo, pero esiximos que as obras se fagan correctamente, con todas as garantías e permisos necesarios", subliñou.

Ademais, a portavoz popular chamou a atención sobre a coincidencia co caso de Casa Carnicero, facendo referencia ao derrubo desta edificación sen a debida autorización, e preguntou quen será o responsable se as obras se realizan sen o permiso necesario de Costas. "A xustiza está a piques de decidir sobre a responsabilidade polo que ocorreu co caso Casa Carnicero e non entendemos como o alcalde pode actuar agora sen a debida autorización", concluíu Silva.

0.20636892318726