O PP de Oleiros denuncia a mala xestión do saneamento municipal

O Partido Popular de Oleiros denunciou publicamente a xestión do alcalde Ángel García Seoane en materia de abastecemento e saneamento municipal. A recente prohibición da Xunta de Galicia para o baño na praia do porto de Santa Cruz, debido á contaminación das augas, foi cualificada pola portavoz popular, Loli Silva, como "unha consecuencia directa da desidia do goberno local".
Segundo Silva, a rede de augas do concello está completamente desfasada e "non se adapta ao crecemento sostido da poboación nas últimas décadas". A portavoz destacou problemas como a mestura de augas pluviais e fecais, verteduras ao subsolo e reparacións fallidas en puntos críticos. “Oleiros fai augas por todas partes, e o alcalde segue a dicir que todo está ben. Pero a realidade é que a contaminación está a afectar a veciñanza e os nosos espazos naturais”, afirmou.
O PP instou ao rexedor a priorizar recursos para renovar a rede de saneamento. “A auga é un ben común e merece unha xestión seria e responsable, algo que, lamentablemente, seguimos esperando en Oleiros”, concluíu Silva.