O PP de Oleiros denuncia a falta de transparencia por parte do alcalde
O Partido Popular de Oleiros denuncia a miserable limitación de medios ao dispor para a oposición, sendo o Concello máis rico da comarca é o que presta menos apoio á acción dos grupos municipais da oposición. Neste sentido, reclaman que o alcalde García Seoane non deixa de establecer novos obstáculos a que poida fiscalizarse a súa acción de goberno polas demais forzas políticas.
Os populares destacan que a parte de negar o pan e o sal en todos os medios de comunicación municipais que o alcalde reserva para o seu uso exclusivo e que custan unha fortuna ás arcas municipais, García Seoane embarcouse nunha nova cruzada para establecer barreiras derivadas das potestades que lle concede o ordenamento xurídico para regular o funcionamento e organización dos órganos municipais.
Ás últimas arbitrariedades de alcalde, como a de esixir por escrito e con antelación á celebración dos plenos os rogos e preguntas que a oposición pretende tratar e a de impedir a tramitación de mocións presentadas por aquela salvo que sexan do seu interese, súmase agora a de limitar o número das devanditas iniciativas a presentar por cada Grupo Municipal a un máximo de dous por pleno e grupo. Así, o Bloque Nacionalista, cun único concelleiro, ten a mesma cota de mocións que o Grupo Popular con cinco.
A todo iso, nun suma e segue interminable, hai que engadir que as retransmisións de audio dos plenos son aleatoriamente deficientes e, como non podía ser doutra maneira, a súa absoluta negación a colgalos nas páxinas do concello para a súa consulta.
Sobre as retransmisións en vídeo e en directo, ás que o alcalde e os seus acólitos parecen temerlles cada vez máis polas continuas saídas de ton e as máis absolutas faltas de respecto a oposición e cidadanía, nin que dicir ten que non quere oír falar diso.