O PP de Oleiros cuestiona a xestión do Concello na licitación das obras e servizos

ACoruñaXa
O Partido Popular de Oleiros denuncian a xestión "chafalleira" por parte do Concello dos órganos de contratación municipais
Imaxe dos concelleiros populares en Oleiros
8 Abr 2024

O Partido Popular de Oleiros denuncian a xestión "chafalleira" por parte do Concello dos órganos de contratación municipais. A formación sinala que as recentes anulacións de adxudicacións municipais poñen en evidencia a incapacidade do equipo de Goberno para a tramitación básica das súas contratacións.

"Ppreguntámonos que está a ocorrer desde o concello para que, cando non é o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGAL), sexan os propios servizos de Intervención municipais quen censure ou presenten reparos en procedementos de adxudicación ditados polo concello”. Con estas palabras cualificaba a portavoz municipal do Partido Popular, Loli Silva, os reveses que vén sufrindo na súa xestión o equipo de goberno no capítulo de contratacións nos últimos tempos.

De feito, o concello adxudicou o contrato de limpeza viaria a finais de 2023, á empresa Valoriza, por unha contía próxima a 4,5 millóns de euros. Devandito procedemento foi recorrido por parte dun dos licitadores fronte o TACGAL, cuxa resolución supuxo a anulación de todo o procedemento. Pola súa banda, e co obxectivo de gañar tempo, o concello viuse obrigado a negociar unha serie de prórrogas coa concesionaria (Construcións López Cao en unión con Xardinería Arce), en tanto non se convoque unha nova licitación.

“Lamentablemente, o ocorrido co contrato de limpeza viaria non é un feito illado. O interventor municipal formulou un reparo suspensivo con relación ao contrato de mantemento de parques e xardíns, tendo en conta que este había caducado e seguir pagando as facturas á empresa por parte do concello supoñería un incumprimento da lei de contratos. A pesar diso, o concello decidiu levantar o reparo de intervención e continuar cos pagos á adxudicataria ata unha nova licitación. Isto non é serio. E Oleiros e os seus veciños merécense unha xestión municipal na que primen tanto a transparencia como os principios de publicidade, concorrencia e igualdade, así como uns criterios mínimos de eficacia nas súas actuacións. Preguntamos no último Pleno polas evidentes deficiencias nas licitacións e confiamos que, en diante, o Alcalde tome conciencia real sobre a necesidade do rigor elemental que require a xestión de contratos públicos”, concluíu a súa declaración Loli Silva, portavoz municipal dos Populares.

0.143718957901