O PP de Oleiros critica que o Concello decidise non celebrar o campamento de Semana Santa

ACoruñaXa
Os populares sinalan que a decisión da suspensión, que foi unilateral por parte do alcalde, deixa a medio centenar de escolares sen unha actividade de lecer durante as vacacións de Semana Santa
Imaxe da bancada do Partido Popular no pleno de Oleiros
25 Mar 2024

O Partido Popular de Oleiros critica a cancelación do campamento de Semana Santa para escolares que viña convocando o Concello dende os últimos anos. Os populares sinalan que a decisión da suspensión, que foi unilateral por parte do alcalde, deixa a medio centenar de escolares sen unha actividade de lecer durante as vacacións de Semana Santa e complica a conciliación laboral e familiar dos proxenitores que traballen durante os próximos días.

A xuízo do Partido Popular, a convocatoria habitual de cincuenta prazas para esta actividade de Semana Santa, nun municipio cunha poboación próxima aos 40.000 habitantes, resulta, de xeito evidente, insuficiente. Precisamente por iso, a preocupación do Concello de Oleiros debería pasar por ampliar a oferta de prazas en lugar de optar por suspender a actividade.

A este respecto referiuse a portavoz municipal dos Populares, Loli Silva: “A conciliación laboral coa que pretendía contribuír o Concello en anteriores convocatorias e da que presumía nas súas redes sociais e na web oficial, quedou agora esquecida nun caixón. Desde o Partido Popular lamentamos a decisión e preguntaremos no Pleno cales foron as razóns que levaron á suspensión do campamento.”

“Resulta insólito que nun escenario como o actual onde as administracións mostran especial sensibilidade ás cuestións relacionadas coa conciliación, sexa precisamente García Seoane quen quede en evidencia xusto polo contrario, convertendo a Oleiros na excepción práctica da área metropolitana coruñesa en canto á convocatoria de campamentos e actividades para os escolares durante a Semana Santa”, concluíu Loli Silva.

0.1919219493866