O PP de Oleiros critica ao alcalde por non aceptar a cesión dun tramo do Couto por parte da Xunta

O Partido Popular de Oleiros amosa a súa sorpresa ante a decisión do Goberno municipal de aceptar a transferencia de varios tramos de estradas provinciais e, con todo, continuar rexeitando a cesión por parte da Xunta de Galicia do tramo de O Couto.
En concreto, di literalmente o comunicado público dos acordos do Consello da Xunta, que se autoriza a transferencia dos seguintes tramos:
"Na DP-5803 transfírese o tramo comprendido entre o punto quilométrico 0+270 (rotonda cruce AC-174) e o 0+900 (intersección coa AC-173): da Pasaxe a Perillo e na DP-5808 o treito comprendido entre o punto 0+920 (intersección coa AG-13) e o punto 1+240 (intersección coa DP-5813): Pousada - A Edreira. Ademais, autorízase o cambio de titularidade da totalidade das estradas DP-5804 e DP-5805, de acceso ás praias de Santa Cristina e de Bastiagueiro, respectivamente; a totalidade da DP-5806: prolongación ao mar da AC-190 en Coruxo, e da DP-5809: estrada Oleiros-Sada á Pousada Edreira."
Os populares consideran incomprensible que o Concello asuma agora a titularidade de distintas vías, coas obrigas de conservación e mantemento que iso supón, mentres segue negándose a recibir o tramo de O Couto, cuxa cesión ía acompañada da execución previa das obras necesarias para mellorar a seguridade viaria.
A actuación promovida pola Xunta de Galicia supuña un investimento superior aos 300.000 euros destinado a resolver os problemas de seguridade que desde hai anos veñen denunciando os veciños da zona. Precisamente ese investimento permitía entregar a estrada en condicións óptimas e dar resposta a unha demanda histórica dos residentes.
Para o Partido Popular, esta diferenza de criterio só pode explicarse por motivos políticos, xa que non resulta coherente aceptar unhas cesións e rexeitar outra que beneficia directamente aos veciños e que, ademais, chega acompañada dun importante investimento público.
Por iso, o Partido Popular de Oleiros solicita ao Goberno municipal que abandone a súa actitude de confrontación coa Xunta de Galicia e antepoña os intereses dos veciños, aceptando a cesión do tramo de O Couto para que as melloras executadas poidan poñerse ao servizo da cidadanía.