O PP de Oleiros alerta dos derrubamentos nos accesos do parque das Trece Rosas

ACoruñaXa
As precipitacións dos últimos días provocaron o derrubamento de parte do noiro e poñen en risco a seguridade dos veciños nas escaleiras de acceso ao parque das Trece Rosas desde o paseo de Santa Cruz
Imaxe dos derrubamentos no Parque das Trece Rosas en Santa Cruz
27 Mar 2024

Os populares de Oleiros reclaman medidas urxentes que garantan a seguridade dos usuarios ante os riscos visibles de derrubamentos que as choivas rexistradas nas últimas semanas ocasionaron no acceso ao Parque das Trece Rosas.

Deste xeito, sinalan que ao derrubamento parcial do bordo do noiro, únese agora a falta de seguridade das escaleiras de madeira que permiten o acceso ata o carreiro que comunica co parque.

“A xuízo do Partido Popular, a situación é suficientemente alarmante como para que o Alcalde deixe ao carón os seus conflitos competenciais con Costas e impleméntense con urxencia as medidas preventivas necesarias que garantan a seguridade dos oleirenses, antes de que teñamos que lamentar desgrazas persoais”, declarou a este respecto a portavoz municipal Loli Silva, que chegou a publicar nas redes sociais do PP de Oleiros un vídeo onde a propia portavoz mostra sobre o terreo o estado actual dos accesos tras os derrubamentos rexistrados nos últimos días.

“A próxima semana presentaremos un Rogo no Pleno para que se incremente o gasto en mantemento deste tipo de infraestruturas e garantir así que o Concello cumpre coa súa obrigación básica de velar pola seguridade dos seus propios veciños”, concluíu a súa declaración a portavoz Loli Silva.

0.17988204956055