O PP de Galicia reclama a Pedro Sánchez a gratuídade da AP-9, a Autoestrada do Atlántico

ACoruñaXa
Os populares consideran que o dereito da empresa ao cobro dunha peaxe aos usuarios que alega o Goberno central non é escusa para ampliar as bonificacións vixentes e evitar aos usuarios os prexuízos derivados da suba das tarifas
Imaxe dunha peaxe na AP-9
9 May 2024

O Partido Popular de Galicia lamenta o incumprimento por parte de Pedro Sánchez da súa promesa de eliminar as peaxes da Autoestrada do Atlántico (AP-9), logo de constatar a súa falta de compromiso con esta infraestrutura fundamental para a Comunidade e ante a evidencia de que a falta duns Presupostos Xerais do Estado para este ano imposibilita a materialización desta medida.

Ademais, denuncia que o Goberno central está primando os intereses da empresa concesionaria da vía por riba dos intereses dos galegos e galegas. Unha afirmación que vén logo de que o Ministerio de Transportes, como resposta ás preguntas rexistradas polos deputados do PPdeG no Congreso sobre esta cuestión, se escusase no contrato concesional vixente para xustificar o dereito da empresa ao cobro dunha peaxe aos usuarios.

Dereito que, en ningún caso, consideran os populares galegos, impide ao Goberno do Estado ampliar o sistema de bonificacións vixente de xeito que se libere aos usuarios de ter que asumir o custo dunhas tarifas que cada ano suben máis.

Fronte este novo incumprimento de Pedro Sánchez con Galicia, desde o PPdeG insisten en reclamar a transferencia da titularidade da AP-9, acompañada dos recursos necesarios para a súa xestión e logo da execución das obras pendentes.

Así mesmo, instan ao Goberno a dar explicacións en relación ás prórrogas do contrato vixente logo das evidencias dun excesivo enriquecemento por parte da empresa concesionaria en contra dos intereses dos usuarios. Recordando neste sentido que a Comisión Europea volveu abrir recentemente un expediente de infracción ao Executivo estatal por vulneración da lexislación comunitaria sobre contratación pública e da normativa sobre a concesión de autoestradas.

Deste xeito, os populares demandan así que se faga unha revisión dos acordos coa concesionaria e se adopten as medidas necesarias, xa que o incremento das peaxes da AP-9 cada ano non fai máis que agrandar o agravio de Galicia en relación ao resto de autoestradas estatais e lastrar tanto a economía das familias como a competitividade da nosa Comunidade.

O compromiso do PSOE

Cómpre lembrar que ao longo da campaña das eleccións galegas, o PSOE comprometeu en varias ocasións a gratuidade da devandita autoestrada, co BNG en todo momento como cómplice necesario.

De feito, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, interpelou o pasado mes ao portavoz socialista no Parlamento sobre esta cuestión: "Se o mantén en pé, imos a Madrid a dicir que a AP-9 ten que ser gratuíta xa. Gañaremos todos e gañará Galicia. O interese de Galicia non cambiou, supoño que o compromiso seguirá en pé”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17979192733765