O PP de Culleredo sostén que a sentenza do TSXG por Jardincelas non exculpa a Rioboo

O PP de Culleredo asegura que a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que rexeita a reclamación millonaria presentada pola empresa Jardincelas contra o Concello, non supón un respaldo á xestión do alcalde, José Ramón Rioboo. Pola contra, os populares entenden que o fallo confirma unha situación que cualifican de ‘alarmante’: a prestación de servizos municipais durante anos sen contratos en vigor e sen planificación suficiente.
Segundo o PP, o goberno local tenta vender a resolución como unha vitoria xudicial, pero o que queda á vista é unha dinámica de improvisación que desembocou no ‘colapso’ de servizos básicos e nun encadeamento de contratos de emerxencia. Os populares apuntan a un contrato caducado desde 2012 como orixe do problema e critican que non se licitase a tempo.
Na súa denuncia pública, o PP cita episodios de limpeza de edificios municipais en réxime de emerxencia, con centros educativos e instalacións deportivas que, segundo afirman, chegaron a ter baños e dependencias sen limpar. Tamén mencionan un servizo de xardinaría igualmente en emerxencia, co paseo marítimo e outras zonas verdes ‘abandonadas’ e con herba sen cortar durante un ano. Ademais, aseguran que a limpeza viaria continúa, a día de hoxe, en situación de emerxencia.
A portavoz popular, Izaskun García, engade que durante esta crise houbo traballadores que estiveron meses sen cobrar, mentres o Concello, segundo o PP, evitaba asumir responsabilidades malia permitir que o servizo se prestase durante anos sen cobertura contractual. ‘A sentenza non borra 15 anos de contratos caducados, nin os traballadores sen cobrar, nin os veciños que sufriron o abandono de servizos básicos’, sostén a formación, que conclúe que ‘non é un problema técnico, senón un fracaso político’.