O PP de Culleredo reclama un plan para recuperar as fontes e os lavadoiros tradicionais

ACoruñaXa
A formación levará ao pleno unha proposta para crear un censo deste patrimonio, establecer un orzamento específico e organizar un calendario de mantemento e restauración por prioridades
CULLEREDO lavadoiros
23 Oct 2026

O Partido Popular de Culleredo levará ao próximo pleno municipal unha moción para impulsar a recuperación e conservación das fontes, mananciais e lavadoiros tradicionais do municipio. A iniciativa propón reservar fondos específicos, elaborar un inventario actualizado destes elementos patrimoniais e establecer un calendario de mantemento periódico e restauración.

A proposta tamén contempla analizar a calidade da auga das fontes públicas con maior demanda veciñal e informar de maneira clara sobre a súa aptitude para o consumo. Segundo a portavoz popular, Izaskun García, o goberno local debe asumir a responsabilidade de conservar uns espazos que forman parte da historia das parroquias.

O PP denuncia que, ante a falta de actuación municipal, son os propios veciños os que están asumindo tarefas de limpeza e conservación. Como exemplos, sinala os casos de A Laxe, onde os residentes limparon este verán a fonte e o lavadoiro e retiraron a maleza, e de Sueiro, onde tamén se ocupan do mantemento e reparación destes espazos.

A formación alerta igualmente do estado de deterioración dalgúns lavadoiros, con acumulación de lodos, lixo e vexetación, como os de Ramallal, en Vilaboa, Fonteculler e Cordeda. Tamén apunta ao mal estado de conservación de mananciais como A Fonte das Meigas e A Fonte da Balsa.

'Deixar que se deterioren para recuperalos despois custa máis e demostra falta de xestión', sostén García, que reclama unha maior implicación do Concello para evitar que os veciños teñan que asumir estas tarefas.

Un inventario con máis de 170 elementos documentados

Como punto de partida para elaborar o censo municipal, o PP propón recuperar un proxecto escolar realizado en 2002 polo alumnado do CEIP de Tarrío. A iniciativa permitiu localizar e documentar 118 fontes e 52 lavadoiros de Culleredo, ademais de recoller información sobre a súa historia e as tradicións asociadas.

A moción tamén aposta pola colaboración cos centros educativos para dar a coñecer este patrimonio ás novas xeracións e fomentar a súa conservación.

Os populares defenden que a planificación das intervencións debe permitir identificar as necesidades de cada espazo e establecer prioridades para a súa recuperación, xunto cunha responsabilidade municipal definida sobre o seu mantemento.

0.15258598327637